Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Asembleas xerais abertas

martes 24 de xaneiro de 2017

CCOO e UGT convocan mobilizacións para a recuperación de «dereitos roubados» no sector público

  • O Goberno galego proclama a recuperación económica pero non derroga a Lei de medidas temporais que suspendeu todos os pactos e acordos do ámbito da Xunta
  • A reunión da Mesa Xeral foi recorrida por ser unha mera formalidade que vulnera o dereito á negociación colectiva

O coordinador da Área Pública do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Ramiro Otero, e a secretaria xeral da Federación Galega de Empregados e Empregadas dos Servizos Públicos de UGT-Galicia (FeSP), Irene Martínez, deron a coñecer as causas, todas as reivindicacións e o calendario de mobilizacións que afecta ao persoal funcionario, laboral e estatutario dependente da Xunta. Esta campaña desenvolverase baixo o lema «Servizos públicos. Recuperación de dereitos roubados».

Irene Martínez e Ramiro Otero explicaron hoxe o calendario de mobilizacións

Irene Martínez e Ramiro Otero explicaron hoxe o calendario de mobilizacións

É, polo tanto, unha campaña de mobilizacións en defensa do dereito á negociación colectiva e a recuperación de dereitos roubados que afecta a Ensino, Sanidade e Administración autonómica, convocada baixo o lema «servizos públicos: recuperación de dereitos roubados».

Segundo a Xunta de Galicia, este sería o ano da recuperación, tras máis de oito de recortes de dereitos, rebaixas salariais, destrución de emprego, privatización de servizos e sacrificios sen fin. Pero o certo é que os orzamentos autonómicos para 2017 son máis do mesmo.

A Lei 1/2012, de medidas temporais, prorrogada nas sucesivas leis de orzamentos, recollía que a súa aplicación decaería coa mellora da situación económica de Galicia. En 2016, os datos publicados pola Xunta confirman a mellora, polo que é obrigado devolverlles ás empregadas e empregados públicos os «dereitos roubados».

A Xunta de Galicia convocou unha Mesa xeral como mera formalidade que vulnera o dereito á negociación colectiva, polo que UGT e CCOO procederon a presentar un recurso no que se solicita que se declare a convocatoria contraria a dereito, que se anule e se indemnice na contía dun euro as organizacións sindicais.

O proxecto de orzamentos para o ano 2017 non recolle a recuperación de dereitos, nin incremento salarial, nin supresión de taxas de reposición e, ademais, acompáñase dun proxecto de Lei de medidas de contrarreforma da Lei do emprego público de Galicia que nalgúns casos vulnera pactos e acordos coas organización sindicais.

CCOO e UGT demandan que os orzamentos de 2017 habiliten un proceso de negociación para a recuperación de dereitos roubados:

— Eliminación da taxa de reposición.
— Ofertas excepcionais de emprego en sanidade, ensino, Administración xeral e laborais.
— Recuperación real e efectiva do poder adquisitivo.
— Aplicación do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, na súa totalidade.
— Concursos de traslados, de xeito sistemático e continuo, en toda a Administración autonómica.
— Recuperación de pactos e acordos suspendidos.
— Recuperación de dereitos suspendidos (it, acción social, dereitos sindicais…).
— Estudo e tratamento da repercusión das sentenzas do TXUE sobre o traballo de duración determinada e a súa aplicación.

As mobilizacións seguirán o seguinte calendario:
— 25 de xaneiro: de 12:00 a 13:00 horas, CONCENTRACIÓN diante do Parlamento de Galicia.
— 31 de xaneiro: de 11:00 a 12:00 horas, CONCENTRACIÓNS diante das sedes provinciais da Xunta de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo).
— 1 de febreiro: 11 horas, CONCENTRACIÓN na explanada do Sergas.
— 6 de febreiro: de 10:00 a 13:00 horas, CONCENTRACIÓN diante do Parlamento de Galicia.

CCOO e UGT convocan mobilizacións para a recuperación de «dereitos roubados» no sector público

martes 24 de xaneiro de 2017

Ligazóns de interese relacionadas

CCOO tratou cos grupos parlamentarios sobre a repercusión dos orzamentos da Xunta no emprego público

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas