Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

xoves 20 de abril de 2017

Asinado o acordo no convenio de edificación e limpezas da provincia de Lugo

  • CCOO salienta a importancia da unidade sindical para lograr o asinamento do novo convenio

Comisións Obreiras (CCOO) informa do asinamento do acordo no convenio colectivo de edificación e limpezas da provincia e Lugo. Chega após dous anos de «infrutuosa» negociación e ás portas dunha folga indefinida no sector. A presión sindical forzou a patronal estatal ASPEL a desbloquear a negociación e aceptar a proposta do mediador do AGA (acordo sobre solución extraxudicial de conflitos colectivos de traballo).

Os representantes sindicais amosan o texto do acordo

Os representantes sindicais amosan o texto do acordo

Os puntos máis importantes deste acordo son:

— Incremento salarial para 2016 do 0,5%, con vixencia desde o 1 de outubro dese ano.
— Incremento salarial para 2017 do 1,25% e para 2018 do 1,75%.
— Recoñecemento da ultraactividade indefinida do convenio, tanto na parte normativa como na económica.
— Un novo modelo de subrogación máis garantista, «nun sector onde as subrogacións son constantes e con gran problemática», salienta CCOO.
— Canto ao traballo a tempo parcial, mellora na opción do persoal á ampliación da xornada.

A respecto da anterior proposta do mediador do AGA, conseguiuse a ultraactividade indefinida —só se garantía por tres anos—, unicamente á custa de perder tres meses de atrasos do 2016, que representan aproximadamente quince euros por persoa. Os importantes avances posibilitaron que unha «ampla maioría» dos traballadores e traballadoras validasen este acordo.

Desde CCOO salientan a «unidade» da parte social para que o acordo chegase a bo porto, mentres que a parte empresdarial se mantivo dividida. De feito, os empresarios locais terían chegado a acordo antes, mais a ASPEL —que representan as grandes empresas— bloqueaba a negociación «sen sequera ter en conta que a provincia de Lugo ten un dos peores convenios do Estado».

Asinado o acordo no convenio de edificación e limpezas da provincia de Lugo

xoves 20 de abril de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Lugo - Actualidade