Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

luns 17 de xullo de 2017

CCOO rexeita calquera intento de privatización do centro de menores Avelino Montero de Pontevedra

A pesar da boa vontade expresada pola directora xeral de Familia, desde CCOO esiximos como proba a convocatoria inmediata dunha mesa de negociación cos sindicatos representativos, para analizar a situación actual e propoñer iniciativas que garantan a continuidade do centro de xestión pública.

17-7-2017.- A pesar do manifestado pola directora xeral de Familia, desde CCOO non podemos dar crédito ás súas palabras de diálogo e boa disposición se antes non convoca unha mesa de negociación para tratar o presente e o futuro do emblemático centro de menores Avelino Montero de Pontevedra.
Desde CCOO rexeitamos calquera iniciativa de privatización do centro ou parte del e lamentamos que as informacións sobre os cambios que poidan afectar a un servizo público esencial para a cidadanía e para as condicións de traballo do persoal non lles fosen comunicadas aos sindicatos representativos mediante a apertura dunha mesa formal de negociación.
Consideramos totalmente inoportuno que, ao longo «dun paseo» polo centro, se aproveite para falar coas traballadoras transmitíndolles máis inquedanzas ca solucións. O preceptivo sería informar onde corresponde os lexítimos representantes do persoal, e non ir espallando pseudoameazas sobre a baixa ocupación do centro. Esa baixa ocupación tamén é responsabilidade da xefa territorial e da propia directora xeral, polo que as instamos a que aposten pola continuidade do centro, abrindo vías de diálogo e propoñendo solucións nas mesas de negociación coa representación do persoal.
Calquera cambio de status do persoal non se fai en «conversas de corredor», e menos cando existen opcións para que ningún traballador/a do Avelino Montero teña que deixar o centro.
Para CCOO, a aposta debe ser dotar de contido o centro, pois, que pasaría cos menores da provincia de Pontevedra se pechase definitivamente? A onde irían? A Ourense, a Lugo? Ou talvez o que se pretende é traspasar este centro público a mans privadas?
A xuízo de CCOO, a Consellería debería propiciar cambios lexislativos, facer as reformas que cumpran no centro e apelar á corresponsabilidade da fiscalía para que poidan usar o centro moitos máis mozos e mozas que ata o de agora.
CCOO esixe un pronunciamento claro por parte da Dirección Xeral de Familia sobre que pretenden facer cun centro que destacou pola súa intervención socioeducativa, e que debe recuperala coa colaboración de todos e todas.

CCOO rexeita calquera intento de privatización do centro de menores Avelino Montero de Pontevedra

luns 17 de xullo de 2017

Documentos relacionados

Nota de prensa

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
Áreas - Saúde Laboral - Medio Ambiente