Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

mércores 4 de outubro de 2017

A Xustiza vólvelle dar a razón a CCOO fronte a Clece

  • O TSXG condena a actual concesionaria do servizo de axuda a domicilio da Coruña
  • O alto tribunal obriga a Clece a respectar o acordo asinado entre CCOO e a anterior concesionaria (Valoriza)

A xustiza vólvelle dar a razón a Comisións Obreiras (CCOO) fronte ás pretensións da empresa Clece. A actual concesionaria do servizo de axuda a domicilio da Coruña foi condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a respectar o acordo asinado por CCOO e a anterior adxudicataria, Valoriza.

Fotografía de arquivo dunha protesta do persoal de Clece na Coruña

Fotografía de arquivo dunha protesta do persoal de Clece na Coruña

O devandito pacto permitíalle ao persoal o gozo de catro días de asuntos propios en calquera data do  ano natural. Porén, Clece negou sistematicamente a maioría das solicitudes, sen sequera argüír as razóns.

Grazas ao labor de CCOO, e mediante esta sentenza, as traballadoras poderán usar este dereito simplemente cun aviso previo de sete días.

CCOO sinala que Clece é unha das empresas en que máis incumprimentos laborais se detectan de cantas operan en Galicia no sector de axuda a domicilio. É concesionaria de numerosos servizos de axuda a domicilio, pero tamén é das que máis sentenzas en contra acumula por esa razón. De feito, hai un mes, outro xulgado condenou a Clece por realizar contratacións por baixo do mínimo legal, pagando —e cotizando— menos do que debera.

Malia que CCOO é minoría neste comité —catro de nove membros—, o sindicato está a usar a súa representación para defender os dereitos de todo o persoal, conseguindo xa importantes logros, como esta recente sentenza. O sindicato lamenta que esta actitude combativa contraste coa amosada polas organizacións que controlan o comité —UGT ten a presidencia e a CIG a secretaría.

Prácticas antisindicais

Desde CCOO tamén denuncian as prácticas antisindiais de Clece. Precisamente, o vindeiro 23 de outubro terá lugar na Coruña un xuízo polos ataques da empresa ás delegadas de CCOO en Clece na Coruña.

Desde CCOO afirman non entender como as Administracións permiten que empresas que reiteradamente incumpren a lexislación, así como os pactos e regras laborais, continúen gañando concursos públicos.

A Xustiza vólvelle dar a razón a CCOO fronte a Clece

mércores 4 de outubro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade