Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

sábado 7 de outubro de 2017

CCOO centra no combate á precariedade laboral os actos da Xornada Mundial polo Traballo Decente

  • Haberá accións reivindicativas e repartición de materiais informativos en varias cidades do país

Co gallo da Xornada Mundial polo Traballo Decente, que se conmemora o 7 de outubro, Comisións Obreiras (CCOO) organizará diversos actos en varias cidades do país para denunciar a crecente precariedade laboral, fonte de inxustiza e desigualdade. Segundo o sindicato, a recuperación económica dos últimos anos aproveitárona o Goberno e as patronais «para nos venderen que xa saímos da crise, mais ocultando a sabendas que o emprego creado é de escasa calidade e moi mal remunerado».

A eventualidade é unha das moitas caras da precariedade laboral

A eventualidade é unha das moitas caras da precariedade laboral

Comisións alerta dos prexuízos que este emprego precario ocasiona aos sistemas públicos de protección social. «Se saímos da crise co actual patrón de crecemento e unha galopante precariedade no mercado de traballo, sentaremos as bases para unha profunda desvalorización dos dereitos sociais e laborais por moitos anos», advirten desde o sindicato.

En Galicia, a situación é «dramática»: a economía medra pero o emprego que se crea é insuficiente e de mala calidade. Máis de 145 000 persoas traballan a tempo parcial e 223 000 con contratos temporais. Do total de contratos eventuais, o 36 % dura menos dunha semana. Ao tempo, 201 500 persoas están no paro, case a metade das desempregadas (o 48 %) carecen de cobertura e en 36 000 fogares non entra ingreso ningún.

Por esta razón, CCOO esixe a suba dos salarios, para recuperar o poder adquisitivo perdido nos anos da crise; a aprobación dunha prestación de ingresos mínimos para as persoas e familias que non teñan outro ingreso laboral; e a adopción de medidas para dispor dun sistema público de pensións forte e sustentable.

Amais dos actos convocados en Galicia, o sindicato promoverá unha acción nas redes sociais para o sábado baixo a etiqueta #CCOOTraballoDecente.

Actos en Galicia

Venres, 6 de outubro

— Viveiro: concentración ás 11 h fronte ao local sindical
— Ourense: concentración entre as 12 e as 13 h fronte ao edificio de sindicatos (parque de San Lázaro) e repartición de materiais

Sábado, 7 de outubro

— A Coruña: repartición de materiais ás 11 h na praza de Lugo
— Lugo: repartición de materiais a partir das 11 h no C. C. As Termas, para denunciar a precariedade no comercio
— Santiago de Compostela: repartición de materiais de 12 a 14 h na zona do Franco, para denunciar a precariedade na hostalaría

CCOO centra no combate á precariedade laboral os actos da Xornada Mundial polo Traballo Decente

sábado 7 de outubro de 2017

Ligazóns de interese relacionadas

Campaña informativa na nosa páxina web, con materiais para descargar
Galería de imaxes das accións realizadas por CCOO

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Sociopolítica - Xuventude - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Lugo - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade