Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

venres 10 de novembro de 2017

CCOO aposta polos servizos públicos municipais como garantía de mellores prestacións e condicións de traballo

  • O secretario xeral de CCOO da Coruña aposta por dotar de máis competencias os Concellos

O secretario xeral da Unión Comarcal de CCOO da Coruña participou hoxe, venres, nunha xornada organizada pola Universidade coruñesa sobre sobre contratación pública. O primeiro que o sindicalista quixo deixar claro é que o sindicato avoga por que as Administracións xestionen directamente os servizos públicos, tanto pola proximidade e calidade do servizo como polas garantías laborais que isto significa.

Un momento desta xornada

Un momento desta xornada

González tamén propuxo avanzar nos procesos de remunicipalización de servizos; aínda sendo conscientes dos atrancos burocráticos, poden ser salvables coa intervención sindical e a vontade política, apuntou.

Por outro lado, e apelando ao contexto social actual, apostou por un «cambio de rumbo» e dotar de máis competencias as entidades locais como mellor fórmula para dar respostas a unha poboación cada vez máis heteroxénea e a necesidades máis específicas. Por iso, a maior parte dos servizos públicos han estar vencellados ao ámbito municipal.

Canto á nova Lei de contratos do sector público, de recente publicación no BOE e que entrará en vigor o 9 de marzo do vindeiro ano, o sindicalista salientou que nace cunha gran participación e apoio de todo o arco parlamentario. Malia que non recolle todos os obxectivos formulados por CCOO a través do Consello Económico e Social, significa un «positivo avance» en aspectos como as garantías no emprego ou os criterios sociais e ambientais.

Por último, referiuse aos servizos de axuda a domicilio para as persoas dependentes, esenciais para unha poboación envellecida e dispersa como a galega. Segundo o secretario xeral de CCOO da Coruña, cómpre dignificar as condicións laborais de quen presta este servizo, rematando cos abusos das empresas.

CCOO aposta polos servizos públicos municipais como garantía de mellores prestacións e condicións de traballo

venres 10 de novembro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade