Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

martes 5 de decembro de 2017

CCOO pide a renuncia do deputado popular Carlos López Crespo por inxuriar o sindicato e faltarlles ao respecto ás traballadoras de Esteiro

  • O parlamentario do PP minimizou o impacto dun traslado forzoso de máis de cincuenta quilómetros aducindo que as afectadas seguirán acudindo «á mesma igrexa á misa ou aos enterros»

Comisións Obreiras (CCOO) pide a renuncia do deputado Carlos López Crespo, do Grupo Parlamentario Popular, por inxuriar o sindicato e faltarlles ao respecto ás traballadoras do grupo Calvo en Esteiro (Muros). Así mesmo, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, rexistrou no Parlamento un escrito no que pide unha xuntanza co presidente da Cámara autonómica e esixe as desculpas de López Crespo.

O secretario xeral de CCOO rexistra o seu escrito no Parlamento de Galicia

O secretario xeral de CCOO rexistra o seu escrito no Parlamento de Galicia

Na súa intervención na Cámara autonómica do pasado luns, 4 de decembro, o parlamentario acusou a CCOO de mentir en relación co peche da planta que a conserveira posúe en Esteiro e o traslado do persoal a Carballo. O deputado tamén lles «faltou ao respecto ás traballadoras», segundo o sindicato, pois tentou minimizar un traslado forzoso de máis de cincuenta quilómetros aducindo que as traballadoras «seguen indo comprar ao mesmo supermercado» ou incluso «van á mesma igrexa á misa ou aos enterros».

Para CCOO, é «indigno» que un representante do pobo se amose máis preocupado por defender un grupo empresarial que o ano pasado facturou máis de sesenta millóns de euros que a unha localidade «xa moi castigada» como é Esteiro. Tamén coida «vergoñento» que para defender as súas teses intente «inxuriar» unha das principais organizacións sociais do país e, peor aínda, «que o faga faltándolles ao respecto ás persoas afectadas por unha decisión empresarial».

Por todo isto, «e aínda que só sexa por dignidade», desde CCOO afirman que López Crespo debe presentar a renuncia ao seu escano. Así mesmo, o sindicato pediralles a todos os grupos parlamentarios que promovan a recusación do deputado popular.

O día 14 rematará o período de consultas

O pasado venres, día 1 de decembro, comezou o período de consultas entre a empresa e a parte social respecto do futuro da planta de Esteiro. Hai convocadas dúas novas xuntanzas, a derradeira delas o vindeiro 14 de decembro. Nese momento rematará o período de consultas e a empresa comunicará a súa decisión final.

CCOO defende que calquera acordo que se produza durante este período de consultas sexa sometido á votación de todo o persoal en asemblea, observación que a empresa rexeitou polo momento.

CCOO pide a renuncia do deputado popular Carlos López Crespo por inxuriar o sindicato e faltarlles ao respecto ás traballadoras de Esteiro

martes 5 de decembro de 2017

Documentos relacionados

Escrito rexistrado por CCOO no Parlamento [PDF]

Ligazóns de interese relacionadas

Vídeo coas declaracións inxuriosas de Carlos López Crespo (PP)

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade