Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

mércores 11 de xullo de 2018

CCOO-Sanidade non asina a «discriminatoria» carreira profesional do SERGAS

  • A Federación de Sanidade de CCOO critica o «apoio exprés» doutros sindicatos que deixaron «á marxe» os traballadores e as traballadoras

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia anuncia que non asina a «discriminatoria» carreira profesional do SERGAS. Segundo o sindicato, «nada relevante mudou» respecto do pasado 18 de xuño, cando Comisións Obreiras explicou publicamente as razóns polas que se opuña ao proxecto da Xunta de Galicia e denuncia que se «deixa fóra» un terzo do persoal.

CCOO rexeita esta carreira profesional

CCOO rexeita esta carreira profesional

Segundo CCOO-Sanidade, esta carreira profesional unicamente recoñece o cobro da carreira ao persoal fixo e interino, «en contra do criterio de diferentes demandas que gañou Comisións Obreiras». O persoal temporal, o funcionario e o laboral queda fóra. No caso dos dous últimos colectivos, se pretenden facer carreira deberán solicitar a condición de persoal estatutario, «o que significa tanto a perda do seu réxime xurídico como das condicións laborais actuais», apunta o sindicato.

Esta carreira profesional tamén castiga a maior parte do persoal de xestión e servizos, que non tivo oferta pública de emprego (OPE) desde o 2008, polo que non puido adquirir a súa praza en propiedade. Este colectivo fará carreira nas mesmas condicións que todas as traballadoras e traballadores que entren novos mediante outra OPE.

A carreira profesional constaría de catro graos. Non obstante, o acceso á mesma non recoñece os anos de servizos prestados con anterioridade ao asinamento, impedindo que cada traballador ou traballadora obteña o grao que lle corresponda. O persoal fixo entraría cun grao o ano que vén e, «só nalgúns casos», obtería un grao máis no ano 2020. Para CCOO, isto significa «non recompensar o persoal» por todos os anos en que a carreira estivo suspendida «por culpa da crise». Segundo o sindicato, esa falta de compensación representa un «castigo engadido para os traballadores e traballadoras, que ningunha culpa tivemos».

Canto ao pagamento dos graos, a Xunta de Galicia, contra o criterio de CCOO, mantén o fraccionamento dos pagos, «algo que non cadra coa etapa de recuperación económica en que se supón que estamos», se ben modifica «lixeiramente» as porcentaxes respecto de fases anteriores do proxecto. Agora, o 60 % do primeiro grao pagaríase no 2019 e o 40 % no 2020. Despois, a metade do segundo grao no 2021 e a outra no 2022, sempre suxeitas á dispoñibilidade orzamentaria.

Tamén se mantén o «enfoque sancionador» da carreira profesional, que se utilizará «para premiar os afíns e castigar o resto». Segundo CCOO-Sanidade, a Xunta concibe esta carreira profesional como unha ferramenta «para premiar os afíns e castigar o resto», xa que a redacción está «inzada de xeneralidades» que poden dar pé a aplicacións arbitrarias. «A lexislación vixente xa recolle sancións, non é necesario incluír nada disto na carreira profesional», afirman desde Comisións.

Présas da Xunta e submisión doutros sindicatos

CCOO denuncia as «présas e presións» da Xunta para que os sindicatos apoiasen o seu proxecto de carreira profesional. «Presentáronnolo o pasado venres —día 6 de xullo— e pretendían que en só dúas horas confirmásemos a nosa adhesión», relata Comisións. «Nós esiximos podelo someter á votación do persoal, e para iso pedimos que se nos facilitase un censo, pero a Xunta negouse».

Ante esta situación, CCOO critica que outros sindicatos si desen o seu «apoio exprés» a esta carreira, máis aínda cando aínda non se coñecen os criterios polos que se rexerá o acceso aos diferentes graos, materia que se desenvolverá posteriormente nun decreto. «As mesmas organizacións que noutros conflitos esixiron o pronunciamento do persoal, agora decidiron deixalo á marxe», censura a Federación de Sanidade de Comisións Obreiras.

CCOO-Sanidade non asina a «discriminatoria» carreira profesional do SERGAS

mércores 11 de xullo de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas