Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 11 de outubro de 2018

CCOO denuncia carencias de persoal e descontrol na xestión dos recursos humanos do Concello do Barco

  • O sindicato critica a excesiva carga de traballo e a desorganización interna, o que provoca atrasos en moitas xestións da cidadanía ou carencias no funcionamento dos servizos públicos

CCOO denuncia carencias de persoal e descontrol na xestión dos recursos humanos do Concello do Barco. O sindicato faise eco do malestar, tanto das traballadoras e traballadores como da cidadanía, e advirte da desorganización e excesiva carga de traballo, o que provoca demoras en moitas xestións.

Casa do Concello do Barco

Casa do Concello do Barco

CCOO advirte das graves carencias e falta de persoal en departamentos clave da Administración local, como a Tesouraría, a Intervención e mesmo a Secretaría. Isto débese tanto ás xubilacións dos últimos meses como á falta de previsión do equipo de Goberno, que non cubriu baixas médicas ou situacións previsibles como as vacacións.

CCOO considera que as graves carencias de persoal detectadas nestas áreas administrativas son consecuencia da inacción dos xestores municipais, o cal implica cargas excesivas de encomendas e acumulación de traballo pendente ao resto de persoal. A seguir analízase a situación en distintas áreas.

Parques e xardíns

CCOO reproba a situación do Departamento de Parques e Xardíns. Das cinco persoas do cadro de persoal, só están a traballar dúas. CCOO denuncia que non se teña en conta a bolsa de emprego para cubrir as ausencias. O sindicato lembra, ademais, que no orzamento municipal compútanse nove prazas para este departamento, isto é, catro persoas máis das que deberían estar a traballar.

CCOO censura que o Concello, para o coidado dos xardíns, estea utilizando os operarios forestais que foron contratados por un período de nove meses, con subvención da Consellaría do Medio Rural, desatendendo así o labor principal que son as rozas nas faixas de protección.

Así mesmo, mediante unha circular interna da Alcaldía, comunicóuselle ao persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) que tamén deberá facer labores de rozas de limpeza, supervisadas polo encargado de xardíns. Para iso, modificaranse unilateralmente as quendas de traballo.

Obras e urbanismo

CCOO considera que algo semellante ao que acontece na área de parques e xardíns se dá no Departamento de Obras e Urbanismo. Dun cadro de persoal orzado de oito traballadores e traballadoras, só están catro. Ao tempo, un encargado foi trasladado pola Alcaldía a funcións de conserxe dun centro educativo.

Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES)

CCOO sinala, por último, que no cadro de persoal dos GES hai un traballador de baixa de longa duración. A vacante non se cubriu, polo que o dispositivo non está acudindo ás súas intervencións co número recomendable de efectivos. Tampouco pode garantir debidamente a prevención de riscos.

CCOO denuncia carencias de persoal e descontrol na xestión dos recursos humanos do Concello do Barco

xoves 11 de outubro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade