Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

luns 3 de decembro de 2018

CCOO esixe emprego digno para todas as persoas, sexan cales foren as súas capacidades

  • O sindicato chama a atención sobre a «especial vulnerabilidade» dos traballadores e traballadoras con discapacidade no mercado laboral

No Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se conmemora este luns, 3 de decembro, CCOO reclama emprego digno para todas as persoas, independentemente das súas capacidades. Ao tempo, chama a atención sobre a «especial vulnerabilidade» das traballadoras e traballadores con discapacidade no mercado laboral, que teñen maiores dificultades para atopar emprego e sofren en maior medida a precariedade. No caso das mulleres con discapacidade, a esta precariedade súmase a discriminación por razón de xénero.

O sindicato chama a atención sobre a «especial vulnerabilidade» no mercado laboral

O sindicato chama a atención sobre a «especial vulnerabilidade» no mercado laboral

Segundo datos oficiais, a taxa de paro entre as persoas con discapacidade supera en nove puntos a do resto da poboación. O paro de longa duración é moito máis frecuente neste colectivo, pois afecta a máis da metade.

O peso do emprego a tempo parcial é maior entre as persoas con discapacidade (18 %) que entre aquelas sen discapacidade (15 %), segundo o INE. Así mesmo, é o segundo colectivo, tras a mocidade, no que máis aumentou a contratación a tempo parcial desde 2007, pasando do 24 % dos contratos concertados ese ano ao 40 % de 2017.

As mulleres son máis numerosas entre a poboación con discapacidade desempregada e topan con maiores dificultades para ser contratadas. O 62 % dos contratos a persoas con discapacidade rexistrados en 2017 polos servizos públicos de emprego foron realizados a homes e só o 38 % a mulleres.

Entre a contratación bonificada, o emprego ordinario segue sen ser a vía principal de acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade, recaendo esta responsabilidade nos centros especiais de emprego, que xestionaron preto do 70 % deste tipo de contratación en 2017, fronte ao 30 % das empresas ordinarias.

Malia a falta de datos, existe consenso en que segue sen se cumprir a cota de reserva do 2 % nas empresas de cincuenta ou máis traballadores e traballadoras, establecida por Lei en 1982. Ante esta realidade, que evidencia un claro desequilibrio e unha desviación importante respecto da plena integración das persoas con discapacidade a través do emprego, CCOO reclama que se reforce o tránsito do emprego protexido ao ordinario, á vez que se debe garantir o acceso das persoas con discapacidade á formación ao longo da vida.

Por último, o sindicato insta as Administracións públicas a desempeñaren un «papel exemplar», cumprindo «escrupulosamente» as cotas establecidas e introducindo criterios sociais na contratación pública para favorecer a inserción laboral con condicións dignas das persoas con discapacidade.

CCOO esixe emprego digno para todas as persoas, sexan cales foren as súas capacidades

luns 3 de decembro de 2018

Documentos relacionados

Díptico informativo [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Áreas - Sociopolítica - Política social - Actualidade
Áreas - Igualdade - Actualidade
Información - Novas
Áreas - Institucional - Actualidade