Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 10 de xaneiro de 2019

CCOO congratúlase de que o Consello da Xunta aprobe o acordo para a estabilización do emprego, funcionarización e carreira profesional

  • O pacto galego non sería posible sen os asinados previamente polo sindicato no ámbito estatal

Comisións Obreiras (CCOO) congratúlase de que o Consello da Xunta, reunido hoxe, aprobe o acordo para a promoción interna, estabilización do emprego, funcionarización e carreira profesional. Isto dá cumprimento ao aprobado o pasado 27 de decembro na comisión de persoal, onde CCOO votou favorablemente. Trátase dun pacto «histórico» que recolle importantes melloras e que non sería posible sen os consensos acadados no ámbito estatal grazas ao labor deste sindicato.

CCOO continuará a loitar para conseguir a recuperación de todos os dereitos arrebatados

CCOO continuará a loitar para conseguir a recuperación de todos os dereitos arrebatados

Este acordo contén medidas para a estabilización de emprego, establece taxas de reposición por riba do 100 % para os próximos anos, fixa unha bolsa de horas para medidas de conciliación, así como a posibilidade de establecer xornadas inferiores ás 37,5 horas semanais. Tamén se prevé o incremento da promoción interna separada e a execución de procesos de funcionarización para o período 2018-2020, amais da posta en marcha da carreira profesional extraordinaria para o persoal funcionario de carreira e laboral fixo (graos I e II) e a ordinaria, tamén para o persoal interino e temporal.

CCOO lembra que o persoal da Administración xeral —tanto funcionario como laboral— era o único que aínda non tiña un acordo retributivo propio en Galicia. De feito, o anterior data do período 2006-2009.

Comisións salienta que este pacto galego foi grazas ao II Acordo para a Mellora do Emprego Público para o período 2018-2020, asinado o pasado marzo en Madrid, que recolle incrementos salariais, estabilización de emprego para substituír emprego precario por emprego estable —e reducir a taxa de temporalidade ao 7 %—, o fomento da promoción interna, a recuperación do 100 % do salario en casos de baixa médica e a recuperación da negociación colectiva.

O pacto estatal foi unha «ferramenta indispensable» para abrir esta negociación en Galicia. Isto, xunto coa presión sindical, desembocou nun acordo que agora recibe a luz verde por parte do Consello da Xunta. Para CCOO, trátase «do mellor acordo posible» nas actuais circunstancias e lembra que «a negociación non rematou», xa que haberá unha comisión de seguimento que permitirá «seguir avanzando na recuperación dos dereitos arrebatados».

CCOO congratúlase de que o Consello da Xunta aprobe o acordo para a estabilización do emprego, funcionarización e carreira profesional

xoves 10 de xaneiro de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas