Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#QueNonChaXoguen co salario mínimo

martes 23 de abril de 2019

CCOO e UGT chaman a clase traballadora a mobilizarse no Primeiro de Maio e nas urnas

Os secretarios xerais de CCOO e UGT, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez, respectivamente, presentaron esta mañá as reivindicacións e mobilizacións previstas para o Primeiro de Maio. O dirixente de Comisións Obreiras lembrou que a clase traballadora galega se xoga moito nas eleccións xerais do 28 de abril e pediu unha gran mobilización tanto nas urnas o domingo como nas rúas no Día Internacional do Traballo.

Á esquerda, Ramón Sarmiento (CCOO); á dereita, J. Antonio Gómez (UGT)

Á esquerda, Ramón Sarmiento (CCOO); á dereita, J. Antonio Gómez (UGT)

CCOO e UGT apelaron á mobilización das traballadoras e os traballadores «para enchermos as rúas» e conseguir que o Primeiro de Maio «sexa unha xornada de reivindicación social e defensa dos dereitos da clase traballadora», para loitar contra a precariedade e as desigualdades, a favor do emprego de calidade, «e para dicirlle ao Goberno que saia das urnas que aborde con urxencia a axenda social».

Ramón Sarmiento explicou que «precisamos un Goberno que empatice coas reivindicacións dos sindicatos e da clase traballadora», e apuntou que nos próximos días se decide o futuro de importantes empresas e sectores, fortemente condicionados por decisións que dependen do Executivo estatal.

Cambio de modelo produtivo
 
O crecemento económico ten bases moi febles e o novo emprego é mormente precario. Por iso, desde CCOO e UGT coidan necesario poñer en marcha reformas que sirvan para transformar o tecido produtivo, onde a industria debe desempeñar un papel relevante —actualmente só representa o 17% do PIB.

Cómpre tamén unha política incentivadora do investimento, que garanta o 3 % do PIB da UE en Investigación e Desenvolvemento (I+D); unha política de formación e cualificación eficaz, que invista na capacitación profesional das traballadoras e os traballadores; unha política enerxética máis eficiente, cunha cesta enerxética que, apostando polas enerxías renovables, facilite maior independencia e seguridade na subministración; a mobilización do potencial das zonas rurais como motor de desenvolvemento e innovación, para alcanzar a cohesión social, territorial e económica en Europa; a creación dun gran banco público ao servizo dos intereses de toda a cidadanía e a derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012.



Manifestacións do Primeiro de Maio (CCOO e UGT)
 
— A Coruña (acto central): saída ás 12:00 da praza da Palloza
 
— Ferrol: saída ás 12:00 da praza do Inferniño
— Santiago de Compostela: saída ás 12:00 da Alameda
— Lugo: saída ás 12:30 do edificio de sindicatos (rolda da Muralla)
— Viveiro (só CCOO): saída ás 11:45 da rúa de García Dóriga
— Ourense: saída ás 12:00 do pavillón dos Remedios
— Vilagarcía de Arousa: saída ás 12:00 da praza de Ravella
— Pontevedra: saída ás 11:00 da praza da Ferrería
— Vigo: saída ás 11:30 do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz
 

CCOO e UGT chaman a clase traballadora a mobilizarse no Primeiro de Maio e nas urnas

martes 23 de abril de 2019

Ligazóns de interese relacionadas

Campaña e materiais do Primeiro de Maio

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas