Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#QueNonChaXoguen co salario mínimo

martes 14 de maio de 2019

CCOO non asina o convenio de hostalaría de Ourense porque «condena á precariedade» os traballadores e traballadoras

  • O sindicato critica que UGT e CIG si aceptaran asinar o texto, que consagra salarios moi inferiores aos mil euros mensuais para case 1200 traballadores e traballadoras

A Federación de Servizos de CCOO decidiu na tarde do luns non asinar o convenio provincial de hostalaría de Ourense porque «condena á precariedade» os traballadores e traballadoras. O sindicato critica a decisión de UGT e CIG de asinar o texto, xa que os incrementos salariais previstos están moi por baixo do Acordo de Emprego e Negociación Colectiva (AENC), que prevé un salario mínimo anual de 14 000 euros. Neste convenio, o salario anual máis baixo será de 12 810 euros en 2019, 1190 por baixo do pactado no AENC, e de 13 327,58 en 2021, polo que aínda faltarían 672,42 para chegar aos mínimos do acordo estatal.

CCOO non asinou este convenio | Foto: StockSnap (Pixabay)

CCOO non asinou este convenio | Foto: StockSnap (Pixabay)

O obxectivo do AENC, que vincula sindicatos e patronal, é chegar a ese salario mínimo de 14 000 euros anuais no ano 2020. Porén, cos incrementos pactados neste convenio, que se sitúan no 2 %, será imposible alcanzar a esa cifra nin sequera no 2022. Por esta razón, CCOO considera «unha vergoña» o asinamento do convenio.

CCOO lembra que este convenio afecta a tres mil persoas na provincia de Ourense, das cales ao redor do 40 % —unhas 1200— pertencen aos grupos profesionais 5, 6 e 7, que son os peor pagados. Para paliar a situación, poderíase incorporar unha terceira paga extra, pois o convenio de hostalaría de Ourense é o único de Galicia que só inclúe dúas. A proposta do sindicato consistiría en engadir no ano 2019 media paga extra, e a partir do 2020 a paga completa.

Rexeitada esa opción, a única posibilidade sería coa modificación do salario mínimo (SMI) por parte do Goberno, o que alteraría as táboas salariais pactadas, pero «crearía outras disfuncións». Por exemplo, un traballador ou traballadora que actualmente teña a categoría de auxiliar de cociña e un salario de 915 euros, podería ver de súpeto o salario aumentado a mil euros, contía equivalente á da persoa da categoría inmediatamente superior, que non experimentaría un aumento proporcional.

Facer depender as táboas salariais do que o Goberno decida facer co SMI sería colocar diferentes profesionais case co mesmo salario, independentemente da súa cualificación profesional, «xerando novos problemas».

CCOO non asina o convenio de hostalaría de Ourense porque «condena á precariedade» os traballadores e traballadoras

martes 14 de maio de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade