Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#QueNonChaXoguen co salario mínimo

martes 14 de maio de 2019

O persoal do aeroporto de Santiago manifestarase o xoves 16 de maio e fará un pícnic simbólico na terminal compostelá

  • Os representantes sindicais denunciaron que un responsable de AENA deixou aberta a posibilidade de que a cantina do persoal quede sen licitar

Traballadoras e traballadores do aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela manifestaranse o xoves, 16 de maio, para esixir o mantemento da cantina do persoal. Se quedan sen este servizo, deberían pagar os mesmos prezos que as persoas usuarias, coa consecuente perda de poder adquisitivo. «Nós non estamos de paso, senón que traballamos alí», insistiron. A marcha partirá ás 11:30 da rotonda do aeroporto e finalizará na terminal compostelá cun pícnic simbólico para denunciar a situación.

Na conferencia de prensa salientouse a unidade sindical ao redor das reivindicacións

Na conferencia de prensa salientouse a unidade sindical ao redor das reivindicacións

Así mesmo, denunciaron a negativa do director do aeroporto, Ricardo Navarro, a se reunir coa representación legal do persoal, malia que a primeira petición de xuntanza data de hai case un mes, o 17 de abril. Ante a negativa deste responsable de AENA, pediuse unha xuntanza co director dos aeroportos do grupo 2 —no que se encadra o Rosalía de Castro—, Julián Cámara, quen remitiu unha carta declinando a xuntanza e «facendo preocupantes consideracións sobre o futuro da cantina».

Segundo este escrito, AENA prevé unicamente dar unha puntuación adicional ás empresas que lles fagan prezos especiais aos traballadores e traballadoras, pero de xeito ningún garante que sexan os prezos actuais. Así mesmo, tampouco desbota a posibilidade de que o servizo de cantina quede sen licitar.

Os representantes sindicais explicaron que a cantina, licitada á marxe do resto da restauración aeroportuaria, «non é rendible para ninguén» porque carece de elementos básicos como forno ou cociña, polo que sería necesario facer «un forte investimento» para poñela en marcha de xeito separado.

Por último, agradeceron o apoio dos grupos políticos, tanto municipais como no Parlamento de Galicia, que os recibiron e fixeron declaracións institucionais de apoio ás súas reivindicacións. Lamentaron, tamén, que sexa máis difícil falar coa Dirección do aeroporto que ser recibidos no Pazo do Hórreo ou no de Raxoi, «e iso que somos a representación legal dos seus traballadores e traballadoras».

O persoal do aeroporto de Santiago manifestarase o xoves 16 de maio e fará un pícnic simbólico na terminal compostelá

martes 14 de maio de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade