Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

martes 11 de xuño de 2019

CCOO preséntalles aos grupos parlamentarios as "10 propostas para un xiro social en Galicia"

  • Desde o sindicato sinalan unha serie de transformacións globais que esixen unha «resposta en clave de país», ao tempo que Galicia debe asumir os desafíos adoptando unha «posición de liderado»

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia presentoulles este martes aos grupos parlamentarios as "10 propostas para un xiro social en Galicia", que conforman a base das reivindicacións que o sindicato levará ao diálogo social aberto coa UGT, a Xunta e a patronal galega. A delegación de Comisións Obreiras entrevistouse con responsables dos grupos do PPdeG, PSdeG e En Marea; tamén hai solicitada unha xuntanza co BNG, pero aínda non se recibiu resposta.

CCOO preséntalles aos grupos parlamentarios as "10 propostas para un xiro social en Galicia"

CCOO preséntalles aos grupos parlamentarios as "10 propostas para un xiro social en Galicia"

As dez propostas de CCOO estrutúranse arredor de tres eixes. O primeiro, para crear máis postos de traballo, inclúe como medidas a reforma integral do Servizo Público de Emprego de Galicia e das políticas activas de emprego; un modelo enerxético inclusivo que xere capacidades industriais propias e emprego local; un plan de renovación da frota pesqueira galega; e unha redefinición da formación para o emprego e o mapa de titulacións que facilite a inserción laboral da mocidade.

O segundo eixe, para mellorar a calidade do emprego, prevé a creación dun plan contra a precariedade laboral; a introdución de cláusulas sociais na contratación pública, imprescindible cando a Administración é empregadora; e a modernización das relacións laborais, estendendo o AGA tamén aos conflitos individuais.

O terceiro eixe, centrado na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, inclúe a extensión dos plans de igualdade na negociación colectiva e a creación dun rexistro autonómico onde podelos consultar; a execución de políticas formativas e de sensibilización en materia de igualdade e non discriminación por razón de sexo; e medidas de apoio á corresponsabilidade.

Adoptar unha posición de liderado

Segundo CCOO, actualmente estanse a producir «unha serie de transformacións globais que esixen unha resposta en clave de país, cunha posición de liderado por parte de Galicia». Hai sectores, como o industrial ou o da pesca, nos que comunidade autónoma posúe coñecemento e saber facer, polo que «cómpre aproveitar a oportunidade».

Neste sentido, CCOO quere que o diálogo social sexa «transparente» e que todas as forzas políticas con representación no Parlamento fagan as súas achegas, xa que as propostas que xurdan do proceso deben «dar resposta ás necesidades da sociedade galega». De aí que os encontros de hoxe se producisen tanto co grupo parlamentario que sostén o Goberno autonómico como coa oposición.

CCOO preséntalles aos grupos parlamentarios as "10 propostas para un xiro social en Galicia"

martes 11 de xuño de 2019

Ligazóns de interese relacionadas

Galicia Sindical 2/2019: 10 propostas para un xiro social en Galicia [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Áreas - Igualdade - Actualidade
Áreas - Sociopolítica - Xuventude - Actualidade
Información - Novas
Áreas - Institucional - Actualidade