Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Conferencia de Xuventude de Galicia

xoves 19 de decembro de 2019

Preacordo para desconvocar a folga na planta de residuos da Serra do Barbanza

  • O texto negociado recolle varias melloras económicas e sociais que se incorporarán ao convenio colectivo

O mércores, 19 de decembro, chegouse a un preacordo para desconvocar a folga na planta de tratamento de residuos da Mancomunidade Serra do Barbanza, xestionada pola empresa FCC. O centro, situado en Lousame, presta servizo tanto a este concello como aos de Ames, Brión, Porto do Son, Carnota, Muros, Noia, Rois e Pontecesures. A folga estaba convocada polo estancamento da renovación do convenio após dez meses de negociacións.

O texto negociado permite desconvocar a folga

O texto negociado permite desconvocar a folga

No dito preacordo, páctase un período de vixencia desde o pasado 1 de xaneiro, con efectos retroactivos, e ata o 31 de decembro de 2022, cun incremento salarial do 0,5 % en todos os conceptos salariais agás o complemento de singularidade de tóxicos, penosos e perigosos (TPP). Este complemento incrementarase durante a vixencia do convenio, resultando nas seguintes contías: 110 euros en 2019, 155 en 2020, 200 en 2021 e 250 en 2022. Ademais, a partir do 1 de xaneiro de 2020, os festivos traballados incrementaranse dos 25 euros actuais a 30. A partir do 1 de xaneiro de 2021, os festivos que coincidan durante o período de vacacións serán compensados do mesmo xeito que recolle o artigo 18.3 do actual convenio.

En materia de saúde laboral, acórdase revisar a calidade da roupa de augas que utiliza o persoal e impulsaranse iniciativas orientadas a reducir os trastornos musculoesqueléticos, as cales serán sometidas á consulta do comité de seguridade e saúde.

Por último, inclúense melloras sociais, como a incorporación ao texto do convenio das actualizacións normativas relativas á protección da maternidade, así como a posibilidade de acumular a prestación do tempo de traballo para o persoal con xubilación parcial.

O contido do preacordo só será firme unha vez que o persoal o aprobe na asemblea convocada para este efecto.

Preacordo para desconvocar a folga na planta de residuos da Serra do Barbanza

xoves 19 de decembro de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade