Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

luns 17 de febreiro de 2020

CCOO convoca mobilizacións en Lugo e Rábade para esixir o cumprimento dos pregos do servizo de ambulancias

  • O sindicato leva meses denunciando varias irregularidades, entre as que destacan a falta de limpeza dos vehículos e os atrasos nos pagamentos

Comisións Obreiras (CCOO) convoca este mércores mobilizacións en Lugo e Rábade para esixir que se cumpran os pregos do servizo de ambulancias. O sindicato leva meses denunciando varias irregularidades, entre as que destacan a falta de limpeza dos vehículos e os atrasos no pagamento dos salarios. Desde mediados de outubro, a concesión asúmea a UTE Servicios Sanitarios de Monforte y Otros (Servicios Sanitarios de Monforte, Sanitaria Lucense de Transportes e Ambulancias Luis Iglesias Carreira).

Ambulancia do 061 | Foto: Arquivo CCOO

Ambulancia do 061 | Foto: Arquivo CCOO

Os problemas, segundo CCOO, non son novos, senón que xa se producían coa anterior concesionaria, Ambulancias Rubiero-Xirón, pero os problemas aumentaron co cambio de concesión. Dáse a circunstancia, apunta o sindicato, de que o xerente e administrador único de Ambulancias Iglesias é o propietario de Xirón.

CCOO lembra que as irregularidades das empresas relacionadas co transporte terrestre de persoas enfermas en Galicia desembocaron nun conflito en marzo do ano pasado. A folga, cun seguimento masivo, obrigou o Sergas a aumentar a dotación orzamentaria das futuras licitacións, co obxectivo de mellorar as condicións laborais e a calidade do servizo.

Con todo, no pouco tempo que leva ao cargo do servizo —catro meses—, esta a UTE que asume o servizo en Lugo acumula xa varias denuncias na Inspección de Traballo. Segundo CCOO, os vehículos teñen «graves deficiencias», como a falta de material para atender as posibles urxencias, ausencia de equipos de protección individual (EPI) para o persoal ou o incumprimento dos protocolos de desinfección das ambulancias.

Todas estas incidencias son «constantemente comunicadas» tanto ás xerencias das empresas e da propia UTE, como á dirección do 061 e á Inspección de Traballo, «pero ata o momento non houbo nin respostas nin solucións», lamenta CCOO.

Por último, desde CCOO denuncian que estas empresas, que se financian con diñeiro público, utilizan unha parte para despedir traballadores e traballadoras que unicamente esixen o cumprimento dos seus dereitos laborais, recollidos no convenio autonómico que rexe o sector. «Ao tempo, o resto do persoal ve como lles deben nóminas, pagas extraordinarias e outros conceptos salariais, mentres a Administración non fai nada», censura o sindicato.

Concentracións

Para esixir solucións a esta situación, CCOO convoca concentracións o mércores, 19 de febreiro, entre as 10 e as 12 horas na rúa Montevideo, en Lugo, e de 16 a 18 horas no polígono de SIGALSA, en Rábade.

CCOO convoca mobilizacións en Lugo e Rábade para esixir o cumprimento dos pregos do servizo de ambulancias

luns 17 de febreiro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Lugo - Actualidade