Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

martes 18 de febreiro de 2020

CCOO amosa a súa satisfacción pola derrogación da norma que permitía despedir persoas en situación de baixa médica

  • Para o sindicato, a protección da saúde debe primar sobre os intereses das empresas

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) amosa a súa satisfacción pola derrogación do artigo 52.d do Estatuto dos Traballadores, que permitía despedir persoas en situación de baixa médica. Deste xeito, o Consello de Ministros e Ministras asume as reivindicacións sindicais, no sentido de que a protección da saúde debe primar sobre os intereses das empresas.

Concentración na Coruña o pasado mes de setembro para esixir a readmisión dun traballador de Konecta

Concentración na Coruña o pasado mes de setembro para esixir a readmisión dun traballador de Konecta

Cando se intensificou esta modalidade de despedimento, o pasado outono, CCOO desenvolveu unha intensa campaña para pedir a derrogación do dito artigo, que existía desde 1980 pero cuxa redacción se endurecera a raíz da reforma laboral aprobada polo PP no 2012. Daquela, suprimírase a referencia ao volume de falta de asistencia total do cadro de persoal no centro de traballo. Con isto individualizábase totalmente o cómputo e culpabilizábase a persoa polo feito de exercer o dereito a unha recuperación efectiva no caso de enfermidades de orixe común, entre outros dereitos.

O contido do artigo 52.d foi unha máis das razóns que levaron a CCOO e outras organizacións a convocar dúas folgas contra a reforma laboral do PP, «que demostrou ser lesiva para os dereitos da clase traballadora», sinala Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral do sindicato.

«O paso do tempo demostra que a reforma laboral do PP non resolve os graves problemas estruturais do noso mercado de traballo, como os da poboación sen emprego», sinala Fernández. «Tampouco dá resposta nin á parcialidade nin á temporalidade inxustificadas», abunda o sindicalista.

Nesta liña, o responsable de Saúde Laboral de CCOO afirma que «sería necesario termos mellores taxas de estabilidade no emprego», pois os datos poñen de manifesto que a precariedade laboral está moi ligada á sinistralidade. «A peores condicións de traballo, peores cifras de sinistralidade laboral. É unha tarefa pendente para avanzarmos nun estado social e de dereito», conclúe.

CCOO amosa a súa satisfacción pola derrogación da norma que permitía despedir persoas en situación de baixa médica

martes 18 de febreiro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade