Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

mércores 1 de abril de 2020

CCOO-Servizos pídelle á Xunta que o Xoves Santo sexa declarado inhábil no sector da alimentación

A Federación de Servizos de CCOO pídelle á Xunta que o Xoves Santo sexa inhábil no sector da alimentación. CCOO entende que, a pesar de que a lei permite a apertura nese festivo, dada a actual situación cómpre tomar medidas para a prevención e a contención do virus. O sindicato recolle así as demandas de numerosas traballadoras e traballadores do sector.

CCOO pide que o Xoves Santo sexa inhábil no sector da alimentación

CCOO pide que o Xoves Santo sexa inhábil no sector da alimentación

CCOO-Servizos insta a Xunta de Galicia a que non permita que o sector da alimentación abra o Xoves Santo, en pleno estado de alarma. Todos os anos, a fixación de festivos para a apertura xera un forte debate entre empresarios e sindicatos, pero este ano abrir o Xoves Santo, ademais, é inseguro e innecesario.

Para CCOO, é prioritario asegurar a protección das persoas traballadoras, especialmente expostas nesta situación, e abrir nun festivo como este resulta contrario ao sentido común. Hai que ter en conta, ademais, que ante a enorme presión sufrida por estas traballadoras, a necesidade de descanso é evidente.

A Federación de Servizos de CCOO subliña que con esta petición recolle o sentir de centos de traballadoras e traballadores que cada día acoden ao seu posto de traballo con inquietude e preocupación.

Abundando na mesma idea, CCOO consiera que debe acometerse a modificación da RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2020, para os establecementos comerciais cuxa apertura se definiu baixo principios de abastecemento esencial, xustamente para definir os seus horarios de apertura baseándose nos devanditos principios e a limitación de permanencia para a contención da emerxencia sanitaria.

Moi especialmente, CCOO entende que a regulación relativa á definición de "zonas de grande afluencia turística" (ZGAT) e aperturas en domingo debe suspenderse todo o tempo que prolongue o estado de alarma, xa que, pola súa propia definición, carece de sentido nunha situación como a presente, incluíndo a curto prazo o referente ao período de Semana Santa.

Para CCOO, debe ser compatible a debida garantía de acceso a produtos básicos alimentarios ou de hixiene coa seguridade e saúde dos cadros de persoal; e pensamos que recentes normativas liberalizadoras son inconvenientes e poden ter "un efecto chamada" xusto no momento de maior confinamento da poboación, polo que deberían restrinxirse e racionalizarse os horarios de atención nos días festivos.

Por último, CCOO recoñece a enorme tarefa das traballadoras e traballadores do sector da alimentación. Son moitas as profesións que están sendo clave nesta crise, son moitas as persoas que están a traballar para poder pasar esta situación dunha mellor maneira e, «sen dúbida, este sector tamén merece o noso aplauso», conclúe o sindicato.

CCOO-Servizos pídelle á Xunta que o Xoves Santo sexa declarado inhábil no sector da alimentación

mércores 1 de abril de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
Información - Coronavirus - Noticias sindicais