Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

martes 26 de maio de 2020

O persoal técnico do servizo de prevención de incendios forestais reclámalle á Xunta un novo acordo

  • O actual marco de condicións de traballo data de hai doce anos

O persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) reuniuse o luns en teleasemblea para analizar a falta de interese da Xunta de Galicia polas súas reivindicacións. Esixen un novo acordo de condicións de traballo, pois o actual ten xa doce anos.

Teleasemblea do persoal técnico do SPIF

Teleasemblea do persoal técnico do SPIF

A mesa de negociación, na que participan os sindicatos CCOO, CIG, CSI-F e UGT, abriuse o pasado 9 de agosto. En todo este tempo, a Administración non foi capaz de presentar proposta ningunha, mentres que as organizacións sindicais si realizaron diversas achegas.

Os sindicatos salientan que os enxeñeiros técnicos forestais e os enxeñeiros de montes traballan en tarefas esenciais da coordinación e xestión das emerxencias por incendios forestais, ademais da xestión forestal do monte galego.

Porén, o seu acordo de condicións de traballo data do ano 2008, polo que o cualifican de «desfasado», xa que na última década houbo cambios na Consellaría á que se adscriben, pero tamén novidades canto á distribución do persoal, as condicións de xestión do monte e mesmo as circunstancias bioclimáticas. «Incluso contradí varios preceptos da normativa laboral actual», sinalan as catro organizacións sindicais.

CCOO, CIG, CSIF e UGT piden melloras relativas ao emprego. Entre elas, o aumento do cadro de persoal, para garantir os descansos legais establecidos e manter a operatividade do servizo público; diminuír a interinidade —cífrana no 50 %— e incluír todas as vacantes na próxima oferta de emprego público.

Canto ás condicións laborais, solicitan a redución do horario anual, que supera as 2000 horas —ao redor de 500 horas máis que o resto do persoal público—; redistribuír a carga de traballo e mellorar a organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais.

Xa no ámbito social, piden eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito e establecer un segundo xefe ou xefa de garda por distrito forestal; así como recoñecer a segunda actividade e o coeficiente redutor para o persoal maior de sesenta anos.

O persoal técnico do servizo de prevención de incendios forestais reclámalle á Xunta un novo acordo

martes 26 de maio de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas