Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

xoves 28 de maio de 2020

O comité de Alu Ibérica esíxelle ao Goberno central que nomee un xestor para asegurar a viabilidade

  • Caravana de vehículos polo futuro da antiga factoría de Alcoa-A Coruña
  • A representación legal do persoal esixe que se executen os investimentos comprometidos no proceso de venda a Parter
  • O comité de empresa denunciou a pasada semana na Inspección de Traballo a situación da planta, vendida por Parter ao Grupo Riesgo

Unha caravana de vehículos percorreu este xoves varias rúas da Coruña en defensa do futuro de Alu Ibérica. Esta singular marchar realizou cinco veces o traxecto entre a factoría de aluminio primario e a Delegación do Goberno. Precisamente, o comité de empresa, presidido por CCOO, esixiulle ao Executivo central que nomee un xestor para asegurar a viabilidade da factoría.

Remate da caravana de vehículos na Coruña

Remate da caravana de vehículos na Coruña

A situación da antiga Alcoa-A Coruña é «de incerteza total», sinalan desde o comité de empresa. Tras a venda ao grupo investidor Parter, que a renomeou como Alu Ibérica LC, non se cumpriron os compromisos adquiridos en materias como investimento ou formación. Aínda peor, hai poucas semanas coñeceuse a venda ao Grupo Riesgo.

De feito, o pasado venres, 22 de maio, o comité de empresa realizou unha asemblea nas instalacións de Alu Ibérica e presentou unha denuncia na Inspección de Traballo instando a autoridade laboral a analizar o proceso de venda a Riesgo e determinar se hai unha xestión «desleal».

Críticas ao Grupo Riesgo

Pouco despois de rematar a caravana reivindicativa, o Grupo Riesgo emitiu un duro comunicado contra o comité de empresa de Alu Ibérica, mesmo ameazando con accións legais. Ante isto, a representación legal dos traballadores e das traballadoras lémbralle ao grupo empresarial que «non estamos no século XVIII. Temos dereitos e ímolos defender ata as últimas consecuencias».

Así mesmo, o comité repróchalles a Riesgo e Parter que «nos roubaron dez meses dun plan industrial e, en definitiva, do noso futuro». Lembran que nas duras negociacións que culminaron coa venda por parte de Alcoa a Parter, a representación do persoal logrou que a multinacional estadounidense consignara vinte millóns de euros para investimentos na planta coruñesa, pero «non se investiu un só euro. «Queremos o que nos roubaron, temos dereito a reclamalo e seguirémolo facendo»..

O comité de Alu Ibérica esíxelle ao Goberno central que nomee un xestor para asegurar a viabilidade

xoves 28 de maio de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade