Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

xoves 28 de maio de 2020

O persoal da Consellaría de Política Social protesta para esixir o seu dereito ao descanso

O persoal dos centros que dependen da Consellaría de Política Social protestou este xoves en toda Galicia para esixir o seu dereito ao descanso. Trátase de profesionais que prestan servizos en residencias de maiores, centros de menores, centros de atención a persoas con discapacidade e centros residenciais. Tras a sobrecarga de traballo padecida durante a pandemia, o departamento autonómico imponlles agora restricións para o gozo das vacacións anuais.

Protesta diante da residencia Volta do Castro, en Santiago de Compostela

Protesta diante da residencia Volta do Castro, en Santiago de Compostela

Os sindicatos CCOO, CIG, CSIF e UGT lembran que todo o persoal traballou coa máxima dedicación e compromiso desde que se decretou a emerxencia sanitaria e reprochan que a resposta da Xunta sexa «impositiva e autoritaria para recortar dereitos laborais».

Política Social modificou unilateralmente as condicións de traballo, impondo quendas de doce horas diarias durante sete días consecutivos, acometeu traslados forzosos a centros de titularidade privada para «achegar solucións» nun momento de emerxencia e nunca garantiu o abastecemento dos equipamentos de protección (EPI).

Os catro sindicatos esixen que se recoñeza e poña en valor o labor realizado por estes profesionais, que se compense axeitadamente o traballo feito en festivos e domingos, que se reduza a xornada máxima anual, que aumente o número de prazas públicas e de xestión directa e que se transformen os contratos de fin de semana ou inferiores en contratos a xornada completa.

O persoal da Consellaría de Política Social protesta para esixir o seu dereito ao descanso

xoves 28 de maio de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas