Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

venres 26 de xuño de 2020

CCOO paraliza o concurso da licitación do servizo de limpeza do CHUS

Ás dez da mañá deste venres tivo lugar no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) a apertura do sobre «B» correspondente á licitación do concurso de limpeza. Porén, as impugnacións da Federación de Construción e Servizos de CCOO e ASPEL levou a mesa de contratación a informar da paralización do procedemento ata nova resolución do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais (TARC).

Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela

Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela

O pasado 15 de xuño, o comité de empresa da limpeza hospitalaria do CHUS xa denunciara irregularidades de forma na elaboración dos pregos, no que sorprendentemente tampouco se incorporaba ningunha das esixencias en materia hixiénico-sanitarias nin en materia de prevención de riscos derivadas da pandemia COVID-19.

Entre as irregularidades denunciadas polo sindicato cabe destacar as seguintes:

— No orzamento base da licitación non se desagregaban por xénero e categoría profesional os custes salariais estimados a partir do convenio de referencia.

— Non se fai referencia ao convenio de aplicación.

— Non se fan constar os acordos a que se chegou mediante mediación do AGA, coas repercusións que tería sobre a oferta económica. Entre outros, o acordo de licenzas de 2017 e o acordo de bolsa de contratación do mesmo ano, así como os acordos de carreira profesional de 2018 e 2019.

— Nos pregos non se fai referencia ás resolucións emitidas pola Inspección de Traballo, que obrigan a empresa concesionaria a dimensionar o cadro de persoal con dez contratacións indefinidas, e que tamén obrigan o Sergas a realizar as obras necesarias en vestiarios, duchas e taquillas para adecuarse á normativa de prevención de riscos (PRL).

— Tampouco se ten en conta a nova normalidade provocada pola pandemia da COVID-19, que ten afectación directa sobre as frecuencias de limpeza e sobre os custos laborais non salariais.

Segundo a Federación de Construción e Servizos de CCOO, todas estas irregularidade son o «perfecto caldo de cultivo» para abocar o persoal do servizo a mobilizarse polos seus dereitos. Por esta razón, CCOO agarda que o TARC obrigue á retirada destes pregos e á elaboración doutros que inclúan as esixencias mencionadas.

CCOO paraliza o concurso da licitación do servizo de limpeza do CHUS

venres 26 de xuño de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade