Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

martes 29 de setembro de 2020

Suspendida a folga do persoal técnico forestal tras se chegar a un acordo previo con Medio Rural

  • Os sindicatos prevén que se poida acadar un novo acordo laboral para o 31 de decembro

O comité de folga do persoal técnico do Servizo Público contra Incendios Forestais (SPIF) decidiu suspender os paros tras chegar a un acordo previo coa Consellaría do Medio Rural. A suspensión da folga, que era de carácter indefinido desde o 1 de agosto, ten como prioridade retomar a mesa de negociación para chegar a un novo acordo de condicións de traballo para este colectivo —o actual data do 2008 e considérano «obsoleto».

Após tres reunións con responsables do departamento autonómico, concretáronse compromisos sobre varias cuestións formuladas pola asemblea do persoal do pasado 22 de setembro. A negociación realizarase por bloques e prevese contar cun novo acordo para o 31 de decembro. Ademais de melloras nas condicións laborais, deberá recoller aspectos como o plan formativo, a segunda actividade ou a inclusión do colectivo nun acordo estatal de coeficientes redutores para a xubilación anticipada.

Para o primeiro bloque das negociacións, os sindicatos CCOO, CIG, CSIF e UGT entregaron un documento no que resumen as principais reivindicacións: redución horaria, xornada máxima anual de traballo, réxime de prestación do servizo en período extraordinario (gardas) e ordinario, período mínimo de vacacións e garantías para o gozo dos permisos e licenzas que recolle a Lei do emprego público de Galicia.

Pola súa parte, a Consellaría comprométese a non seguir aplicando descontos ao persoal que non secundou a folga ata que se realice unha revisión sobre esta circunstancia.

Suspendida a folga do persoal técnico forestal tras se chegar a un acordo previo con Medio Rural

martes 29 de setembro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas