Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

mércores 21 de outubro de 2020

O TSXG estima a demanda de CCOO sobre o dereito a carreira profesional do persoal dos entes instrumentais da Xunta

  • A sentenza abre a porta a que milleiros de traballadoras e traballadores públicos esixan o recoñecemento deste dereito

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estima a demanda dos servizos xurídicos de Comisións Obreiras (CCOO) e recoñécelle a carreira profesional ao persoal dos entes instrumentais da Xunta. En concreto, a sentenza declara o dereito dunha traballadora laboral fixa do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar a percibir o complemento de carreira profesional. Percibirá o grao I da devandita carreira con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2019.

Os servizos xurídicos de CCOO lograron unha importante sentenza

Os servizos xurídicos de CCOO lograron unha importante sentenza

A decisión xudicial ratifica as teses defendidas por CCOO no proceso de negociación, no sentido de que a carreira profesional debe incluír a todo o persoal da Xunta de Galicia e dos entes públicos, tanto fixo como temporal. Comisións considera moi positiva esta sentenza, pois «abre a vía para que un gran colectivo vexa recoñecido o seu dereito á carreira profesional» —só no Consorcio traballan máis de 1700 persoas.

Para o sindicato, o acordo para a implantación da carreira profesional no ámbito da Xunta —asinado no ano 2019— supuxo un «avance significativo» e un «logro sen precedentes» nas condicións de traballo do persoal funcionario e laboral desta Administración. O dereito á carreira profesional vén recollido no Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) —2007— e xa se estaba a aplicar noutras comunidades autónomas e incluso no Sergas.

Todo acordo é o comezo doutro mellor

Porén, «tiveron que pasar máis de doce anos e exercer unha importante presión sindical» para que as empregadas e empregados públicos da Xunta puideran acollerse a este dereito. «Conseguilo era difícil, e seguir mellorándoo segue sendo o obxectivo, con presión sindical, con accións xudiciais e con negociación permanente», explican desde o sindicato. «Para CCOO, todo acordo sempre é o comezo doutor mellor», salientan.

Dereito universal

No transcurso desa negociación, Comisións avogou en todo momento por «salvagardar o carácter universal do dereito á carreira profesional, sen excluír a ninguén». Neste sentido, a sentenza dálle a razón ao sindicato. «Entendiamos que non se podía deixar fóra da carreira nin o persoal dos entes instrumentais, nin o persoal laboral temporal, nin tampouco o persoal funcionario interino da propia Xunta», remata Emilio Doforno, coordinador do sector da Administración autonómica de CCOO.


 

O TSXG estima a demanda de CCOO sobre o dereito a carreira profesional do persoal dos entes instrumentais da Xunta

mércores 21 de outubro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas