Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

xoves 26 de outubro de 2017

CCOO cualifica de «insostible» un crecemento do emprego baseado na precariedade

  • Os datos da última EPA ratifican as conclusións dun estudo presentado polo sindicato o pasado luns, dispoñible na web de CCOO, en que fica de relevo o drama da precariedade en Galicia

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) cualifica de «insostible» un crecemento do emprego baseado na precariedade. Os datos da última enquisa de poboación activa (EPA) ratifican as conclusións dun estudo presentado polo sindicato o luns desta semana, en que fica de relevo a asociación entre a pobreza e a precariedade laboral.

Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO

Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO

Segundo a EPA, en Galicia creáronse 23.600 empregos no terceiro trimestre de 2017 (+2,25 %) e o número de persoas ocupadas subiu ata 1.072.500. Malia esta suba, quedarían por recuperar 143.900 empregos para volver aos valores de hai nove anos, antes da crise.

Alén disto, o 13 % da poboación ocupada ten un posto de traballo a tempo parcial. Este tipo de xornada, como xa alertaba CCOO no seu estudo, reflicte a precariedade do mercado laboral galego, pois en seis de cada dez casos non responde a un desexo dos traballadoras e traballadoras e só un 7 % afirmou buscala.

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, coida que os anos de aplicación de políticas de austeridade e reformas estruturais axudaron a tornar «crónica» a precariedade do emprego no noso mercado laboral. A precariedade laboral, ademais, «conduce a unha vida precaria e menoscaba a dignidade das persoas», sentencia a sindicalista, ao tempo que salienta que a precariedade trouxo consigo «o fenómeno da pobreza laboral: traballar e ser pobre».

Para Bouza, as taxas de precariedade no noso mercado laboral son «intolerables e insoportables», especialmente no caso da poboación máis nova: tres de cada catro persoas menores de 25 anos que están a traballar, fano con contratos eventuais.

Na súa opinión, con estes vimbios dificilmente chegará a recuperación económica ás persoas e ás súas familias. Para que a situación mude cómpre un cambio normativo no Estado e en Galicia que cambie o actual escenario, isto é, que se favoreza «de xeito decidido» a contratación estable sobre a precaria.

A sindicalista fai tamén un chamamento ao empresariado e ás Administracións públicas para reduciren a precariedade en todos os sectores produtivos mediante a negociación colectiva. Bouza defende que se poden introducir nos convenios medidas que atallen a precariedade e a eventualidade.

A secretaria de Emprego de CCOO fai este chamamento cun ollo posto, tamén, nos orzamentos autonómicos que se están a tramitar no Parlamento galego, «os cales non vemos que vaian incidir na estrutura do emprego en Galicia, porque tampouco apostan polo cambio de modelo produtivo que levamos demasiado tempo xa a reivindicar».

Análise da EPA

Por sectores, en comparación co segundo trimestre de 2017, diminúe a ocupación na construción: 1.400 persoas ocupadas menos (-2,1 %). Nos restantes sectores sobe: 5.300 persoas ocupadas máis no primario (+7,3 %), 4.400 máis na industria (+2,6 %) e 15.300 máis nos servizos (+2,1 %). Por sexos, medrou máis a ocupación masculina que a feminina (14.400 ocupados máis fronte a 9.200 ocupadas máis).

No que atangue á evolución do emprego asalariado, 26.600 persoas máis traballan por conta allea pero medra máis o emprego temporal que o indefinido: 15.200 temporais máis (+6,8 %) fronte a 11.400 indefinidos máis (+1,9 %). Polo tanto, a taxa de temporalidade subiu desde o 27,2 % no segundo trimestre de 2017 ata o 28,1 % no terceiro trimestre do ano.

Polo tipo de sector, a taxa de temporalidade no sector privado era do 29,1 % no terceiro trimestre de 2017 e no público do 24,5 %. Atendendo á idade, o colectivo máis castigado pola alta temporalidade é a xuventude: no terceiro trimestre de 2017, a taxa de temporalidade era do 28,1 % de media en Galicia pero nas persoas de 25 a 29 anos alcanzaba o 59,9 % e nas menores de 25 anos disparábase ata o 77,1 %.

A pesar de non figuraren no paro 19.700 persoas en relación co trimestre anterior, o desemprego segue cebándose cun número avultado de persoas: 181.700; delas, o 53 % están encadradas no paro de longa duración. A taxa de paro está no 14,5 % (13,2 % nos homes e 15,8 % mulleres) e no caso das persoas menores de 30 anos sobe ata o 25 %.

Desde o terceiro trimestre de 2016 hai 14.600 persoas ocupadas máis en Galicia. En proporción, medrou menos o emprego en Galicia ca na media estatal: +1,38 % e +2,82 %, respectivamente. Outro dato a destacar é que se está desacelerando a creación de emprego na nosa comunidade: a poboación ocupada en Galicia medraba a unha taxa anual do 1,38 % no terceiro trimestre de 2017 fronte ao 1,82 % un ano antes.

O número de persoas paradas baixou en 25.000 desde o terceiro trimestre de 2016. Non obstante, ese descenso está condicionado pola caída da poboación activa. Así, desde o terceiro trimestre de 2016 contabilízanse 10.400 persoas activas menos e o descenso concéntrase, mormente, nas menores de 40 anos.

En definitiva, o traballo precario, o paro segue sendo «desorbitado», sobre todo o de longa duración alerta CCOO. Ao tempo, a protección por desemprego que cada vez cobre a menos xente e causa «estragos» en moitos fogares galegos. Os datos falan por si sós: en 61.700 fogares, todos os membros activos están en paro e en 33.600 non entran ingresos de ningún tipo.

CCOO cualifica de «insostible» un crecemento do emprego baseado na precariedade

xoves 26 de outubro de 2017

Ligazóns de interese relacionadas

Caderno do Sindicato Nacional n.º 26: «Emprego precario, vida precaria» [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Sociopolítica - Política social - Actualidade
Áreas - Sociopolítica - Xuventude - Actualidade
Información - Novas