Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

mércores 3 de xaneiro de 2018

Galicia pecha 2017 con máis de 185.000 persoas desempregadas

  • CCOO demanda políticas que consoliden o crecemento económico e redunden na creación de emprego de calidade

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia non pode avaliar como positivos os datos de desemprego e afiliación publicados hoxe. Uns datos, aparentemente favorables, que agochan moitas sombras no mercado laboral galego. Por un lado, o aumento da actividade económica non se reflicte na creación de emprego, que se sitúase case un punto porcentual por baixo daquela. Polo outro, o emprego creado segue a ser de moi baixa calidade —case 950 000 contratos temporais asinados no último ano—. A mellora resulta aínda máis morna tendo en conta que no último ano o desemprego descende un 10,15 %, mentres que a afiliación só medra un 2,25 %.

Oficina de emprego en Galicia

Oficina de emprego en Galicia

En opinión da secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, a evolución do emprego en Galicia está «directamente relacionada coa aniquilación do investimento público» nos orzamentos da Xunta desde o regreso do Partido Popular ao poder. A sindicalista coida «nefasto» o papel do Goberno galego como empregador e acúsao de abandonar «á súa sorte» os sectores produtivos do país.

CCOO insta o presidente Feijóo a recuperar o papel do sector público galego na economía, a reactivar o investimento público, a apostar polos sectores produtivos galegos, a restablecer a protección social para as persoas desfavorecidas e a restituírlles os dereitos aos empregados e empregadas públicas. «Os galegos e as galegas aínda non saíron da crise nin foron resarcidos dos seus nocivos efectos», advirte Maica Bouza.

CCOO demanda tamén o compromiso do sector empresarial na creación de emprego de calidade e na recuperación do poder adquisitivo dos salarios como medio inescusable pata manter a actividade e crear emprego de calidade.

Paro rexistrado

O ano 2017 pechou con 185.013 persoas paradas inscritas nas oficinas dos servizos públicos de emprego: 81.498 homes e 103.515 mulleres. Polo tanto, o 56 % do paro rexistrado afecta as mulleres.

Segundo os datos publicados hoxe, en Galicia hai 2162 persoas paradas menos ca en novembro, é un descenso do 1,16 % (fronte a un descenso do 1,77 % no Estado) e 20.901 menos ca en decembro de 2016, o que supón un descenso do 10,15 % (en España, -7,84 %).

Por sectores, o descenso do último mes concéntrase no colectivo sen emprego anterior (945 persoas paradas menos) e nos servizos (2905 menos). Pola contra, sobe o paro na construción (999 persoas máis), na agricultura (189 máis) e na industria (500 máis). Na comparación anual, a baixada do paro atangue a todos os sectores de actividade e a maior segue dándose na construción.

Por sexos, no último mes o paro só baixa nas mulleres (3091 paradas menos fronte a 929 parados máis) pero na comparación anual a maior diminución segue dándose nos homes (12 855 parados menos fronte a 8046 paradas menos).

Análise da contratación

A contratación está marcada pola precariedade, que se manifesta na excesiva rotación no mercado laboral, a elevada temporalidade e demasiados contratos a xornada parcial. O 92,50 % dos contratos concertados en decembro foron eventuais: de 71.531 rexistrados, 66.166 foron temporais.

En termos mensuais, baixou a contratación e con máis forza a indefinida: 1311 contratos indefinidos menos (−19,64 %) e 7183 temporais menos (−9,79 %). Na comparación anual, o número de contratos apenas variou (23 indefinidos máis e 1 temporal menos).

No ano 2017 bateuse a marca de contratos. Porén, a contratación segue condicionada por unha alta temporalidade. Dos 1 020 962 contratos rexistrados durante o ano 2017, o 92,09 % foron temporais.

Afiliación á seguridade social

A afiliación á seguridade social segue evolucionando peor en Galicia ca no Estado. Na comparación mensual retrocedeu na comunidade autónoma un 0,38 % e, pola contra, na media estatal subiu un 0,23 %. O pasado mes de decembro había 985 448 afiliacións á seguridade social; son 3709 menos ca no mes anterior: 2638 menos no réxime xeral, 632 menos no de autónomos e 439 menos no do mar.

En termos anuais, a afiliación á seguridade social medra menos en Galicia ca no conxunto do Estado: un 2,25 % fronte ao 3,42 %.

Prestacións por desemprego

Segundo se deduce dos datos do SEPE, a taxa de cobertura (cociente entre o número de persoas beneficiarias de prestacións por desemprego e o número de persoas paradas rexistradas con experiencia laboral) en novembro de 2017 era do 53,66 %. Polo tanto había 79 122 persoas paradas con experiencia laboral que carecían de prestacións por desemprego.

Doutra banda, só o 42 % das persoas beneficiarias de prestacións por desemprego cobran unha prestación contributiva. Así pois, en novembro de 2017 había 91.607 persoas percibindo prestación por desemprego: 40.592, un subsidio por desemprego (o 44,31 % do total), 38.795 contributivas (o 42,35 %), 9805 a renda activa de inserción e 2415 correspondían ao programa de activación de emprego.

Continúa caendo o gasto en prestacións por desemprego (un 6,2 % en relación co mes novembro de 2016) ao tempo que a taxa de cobertura segue en mínimos.

Galicia pecha 2017 con máis de 185.000 persoas desempregadas

mércores 3 de xaneiro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas