Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a Comisións Obreiras

martes 4 de decembro de 2018

CCOO insta a Xunta a tomar medidas tras a suba do paro rexistrado por cuarto mes consecutivo

  • O sindicato coida «inaceptable» que o Goberno galego non modifique os orzamentos nin actúe contra a precariedade e a rotación laboral

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) insta a Xunta a tomar medidas tras a suba do paro rexistrado por cuarto mes consecutivo. O sindicato coida «inaceptable» que o Goberno galego non actúe contra a precariedade nin a rotación laboral, máis aínda cando Galicia continúa con peores datos ca a media do Estado, onde o desemprego descendeu lixeiramente.

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Segundo a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, Galicia segue «ancorada nun modelo produtivo que non deixa crear postos de traballo nin riqueza». Para mudar as cousas, debe cambiar o modelo produtivo, xunto cunha aposta polo emprego de calidade. Ademais, hai que estender ás empresas medidas para mellorar a calidade do emprego, aproveitando o crecemento económico.

A sindicalista manifesta a súa «decepción» pola falta de reacción da Xunta de Galicia, pois non introduciu variacións no proxecto de orzamentos para o 2019. «De seguirmos así, será un ano máis perdido, pois malia que medra a economía, non se traduce en consolidación de emprego nin é de calidade», lamenta. Por último, Bouza avalía negativamente os índices de protección social, que «aínda son baixos». Por esta razón, afirma que «é o momento» de aproveitar a situación de mellora económica para recuperar dereitos perdidos durante a crise.

Paro rexistrado

O paro rexistrado volve subir en Galicia. En novembro aumentou por cuarto mes consecutivo: 625 persoas paradas máis ca no mes de outubro, o que equivale a un incremento do 0,37 %, mentres que na media estatal baixou en 1836 persoas. O número de persoas paradas inscritas nas oficinas do SEPE ascendeu ata 170.369, das que o 58 % son mulleres.

Por sexos, a suba do paro rexistrado concentrouse nos homes (1287 parados máis fronte a 662 paradas menos) e, por grandes grupos de idade, nas persoas de 25 ou máis anos (704 persoas paradas máis fronte a 79 persoas paradas menos menores de 25 anos). Canto á análise por sectores, o paro rexistrado sobe en todos eles agás na industria (71 persoas paradas menos) e no colectivo sen emprego anterior (231 persoas paradas menos); a suba máis acusada dáse na agricultura (313 persoas paradas máis, +5,15 %), na construción hai 262 persoas paradas máis (a suba é do 1,89 %) e nos servizos 352 máis (+0,30 %).

Desde o mes de novembro de 2017, deixan de constar como paradas 16.806 persoas nas oficinas do SEPE na nosa comunidade (un descenso do −8,98 %). Na comparación anual, o descenso máis acusado segue dándose nos homes e por sectores de actividade, na construción.

Análise da contratación

A contratación segue nutríndose da precariedade. Os contratos indefinidos mantéñense ao redor do 10 % sobre o total de contratos rexistrados. En concreto, no mes de novembro rexistráronse 84.427 contratos e, deles, 76.353 foron temporais (representan o 90,44 % da contratación) e só 8074 indefinidos (9,56 % do total). En termos mensuais baixou a contratación e con máis forza a indefinida: 1979 contratos indefinidos menos (−19,69 %) e 17.078 temporais menos (−18,28 %). Na comparación anual, rexistráronse 4402 contratos máis: 3004 temporais máis (+4,10 %) e 1398 indefinidos máis (+20,94 %).

Afiliación á seguridade social

Galicia tamén perde ocupación por cuarto mes consecutivo e a evolución da afiliación continúa sendo peor ca na media estatal. En novembro había 3327 persoas afiliadas menos ca en outubro, o que equivale a unha redución do 0,33 % (na media estatal, a baixada foi do 0,25 %), co que a cifra de afiliación total en Galicia quedou en 1.009.871 persoas (fronte a 1.064.973 de dez anos). Segundo o réxime, hai 2929 afiliacións menos no réxime xeral (inclúese o agrario e o do fogar), 384 menos no réxime de autónomos e 14 menos no do mar.

A perda de afiliación no mes de novembro de 2018 (o descenso foi do 0,33 %) foi maior ca en anos anteriores: no 2017 reducíase un 0,08 %, no 2016 un 0,31 % e no 2015 a diminución era do 0,22 %.

En comparación co mes de novembro de 2017 hai 20.714 afiliacións máis en Galicia, o que supón un aumento do 2,09 % (un ano antes producíase unha suba do 2,13 %). Na comparación anual tamén quedamos atrás: a afiliación media á seguridade social na nosa comunidade avanzou un 2,09 %, mentres que na media estatal fíxoo un 2,87 %.

Prestacións por desemprego

O 46,31 % das persoas paradas con experiencia laboral carece de prestación por desemprego (son 71.663 persoas) e só o 45 % das que a perciben cobran unha prestación contributiva. Así pois, en outubro de 2018 había 83.085 persoas cobrando unha prestación por desemprego: 37.532 percibían unha prestación contributiva (o 45,17 % do total das prestacións), 37.309 un subsidio por desemprego (o 44,90 %), 7869 a renda activa de inserción (9,47 %) e 375 correspondían ao programa de activación de emprego (0,45 %).

Polo tanto, segundo se deduce dos datos do SEPE, a taxa de cobertura (cociente entre o número de persoas beneficiarias de prestacións por desemprego e o número de persoas paradas rexistradas con experiencia laboral) en outubro de 2018 era do 53,69 % e segue caendo o gasto en protección por desemprego (en outubro baixa nun 3,3 % en relación co mesmo período do ano anterior).

CCOO insta a Xunta a tomar medidas tras a suba do paro rexistrado por cuarto mes consecutivo

martes 4 de decembro de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas