Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#QueNonChaXoguen co salario mínimo

xoves 25 de xullo de 2019

A EPA constata que hai máis emprego pero de peor calidade

  • Para CCOO, o obxectivo agora debe ser consolidar o emprego creado, pois os datos revelan que aumenta a contratación temporal e se estanca a indefinida

Segundo O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO), a enquisa de poboación activa (EPA) do segundo trimestre de 2019 amosa uns datos favorables que reflicten incremento da ocupación e redución do desemprego. Con todo, este aumento do emprego logrouse á custa da cada vez maior precariedade dos postos de traballo creados. Polo tanto, o sindicato sitúa como obxectivo consolidar o emprego creado e mellorar a súa calidade.

Oficina de emprego en Galicia

Oficina de emprego en Galicia

No segundo trimestre do ano, a ocupación medra en 18.600 persoas, ata situar o volume de ocupadas en 1.098.800. O incremento dáse en todos os grupos de idade e en todos os sectores de actividade. Porén, só tres de cada dez empregos creados foron para mulleres.

Ademais, tal e como leva denunciando CCOO desde hai tempo, o emprego que se crea é precario: hai 10.100 novos empregos temporais, mentres que o emprego indefinido se estanca. Pérdense 4.800 empregos no sector público e medran en 15.900 os empregos no sector privado.

O desemprego redúcese en 13.600 persoas, un 8,8% menos que no trimestre anterior, mais segue habendo en Galicia 140.400 persoas en desemprego. Un 51% das persoas desempregadas son mulleres.

Datos cualitativamente negativos

Os datos que recolle a última EPA poderían considerarse positivos medidos cuantitativamente, pero do punto de vista cualitativo non o son. A taxa de actividade galega segue estando cinco puntos por debaixo da española. Mantense a fenda de xénero e baixa calidade do emprego creado, que provoca que 52.200 fogares teñan a todos os seus membros en paro e que os fogares onde non entra ningún ingreso medren nun 0,8% neste trimestre, elevándose a cifra ata os 26.400.

Máis emprego e de calidade

En opinión de CCOO, non abonda con que se cree emprego a calquera prezo. O emprego, tal e como di a Organización Internacional do Traballo (OIT), debe ter unhas condicións que permitan vivir con dignidade. Polo tanto, é a hora de crear máis emprego e de consolidar o emprego creado; con maior compromiso das Administracións publicas como empregadoras e con políticas que aposten por un cambio estrutural do modelo produtivo e melloren a protección social.

A EPA constata que hai máis emprego pero de peor calidade

xoves 25 de xullo de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas