Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

venres 2 de agosto de 2019

Galicia lidera a precariedade laboral no Estado, cun aumento catro veces superior dos contratos temporais

  • A economía desacelérase e Galicia perde a oportunidade de crear emprego de calidade

Segundo os datos coñecidos hoxe, Galicia ten 4328 persoas desempregadas menos que no mes de xuño e rexistra a maior baixada interanual de todo o Estado. Aínda así, segue habendo 150.921 persoas desempregadas na comunidade autónoma. O paro baixa en todos os sectores de actividade e en todos os grupos de idade. Malia que baixa tanto nos homes coma nas mulleres, mantense a fenda de xénero.

Oficina do Servizo Público de Emprego en Santiago de Compostela

Oficina do Servizo Público de Emprego en Santiago de Compostela

En xullo formalizáronse 121.098 contratos temporais para tan só 12.290 afiliacións máis. Os contratos temporais medran un 23,9 % fronte a un 6,8 % os indefinidos. Isto reflicte a «raquítica» duración dos contratos rexistrados. A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, lembra que boa parte destas contratacións corresponden ao sector dos servizos, o cal dá unha «imaxe clara da intensa precariedade e estacionalidade do emprego creado».

O aumento da contratación temporal multiplica por catro o estatal

Estamos, «unha vez máis», ante uns datos cuantitativamente bos, pero cualitativamente moi preocupantes. A diminución do paro e da afiliación é sensiblemente inferior á do ano anterior e, aínda máis, a redución do paro é a máis baixa da serie histórica; o volume de emprego creado aínda está moi lonxe do que había antes da crise e a calidade de emprego é moito peor. Galicia lidera a redución do desemprego no último ano pero tamén a precariedade: no Estado aumentan os contratos temporais un 5,13 % e na comunidade autónoma catro veces máis, un 22,38 %. A economía desacelérase e Galicia perde a oportunidade de crear emprego de calidade e de consolidar un modelo produtivo de maior valor engadido.

CCOO pide uns orzamentos expansivos

O emprego que se crea é precario e temporal e non garante poder desenvolver un proxecto de vida en Galicia. Por isto, CCOO lémbralle ao Goberno galego que segue habendo 150.921 persoas en situación de desemprego. Estes galegos e galegas non verán mudar a situación se a Xunta non promove outro escenario de ingresos públicos, para que os orzamentos autonómicos do 2020 implementen políticas expansivas de gasto que permitan o desenvolvemento dun modelo produtivo que xere emprego de calidade e beneficie as persoas e o conxunto da economía, ao temop que aposte de maneira decidida pola defensa dos servizos públicos e a protección social.

Galicia lidera a precariedade laboral no Estado, cun aumento catro veces superior dos contratos temporais

venres 2 de agosto de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros