Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

xoves 2 de xullo de 2020

O paro rexistrado experimenta unha mellora conxuntural que precisa medidas de apoio á actividade e ao emprego

  • Para a Secretaría de Emprego de CCOO, o balance de once anos de Goberno de Feijóo é «unha Galicia avellentada, sen emprego, cunha fráxil estrutura produtiva e entregada a mans privadas»

O paro reduciuse en Galicia no mes de xuño, como adoita suceder cada ano, ata deixar en 184 654 o número de persoas desempregadas, que son 6428 menos que en maio (un 3,36 % menos), pero 29 405 máis ca hai un ano. Neste mes, o desemprego evoluciona mellor en Galicia ca no conxunto do Estado, onde o paro medra un 0,13 %. Para CCOO, os datos son «positivos pero conxunturais», e evidencian a necesidade de medidas de apoio á actividade e á creación de emprego, aos sectores produtivos e de protección social complementarias ás que está a desenvolver o Goberno central.

O paro reduciuse no mes de xuño, como adoita suceder cada ano

O paro reduciuse no mes de xuño, como adoita suceder cada ano

Segundo a secretaria de Emprego, Maica Bouza, cómpren políticas que permitan reverter o «dramático balance dos once anos de Goberno de Feijóo», que deixan unha Galicia con 47 000 empregos menos nunha década e unha perda de peso da comunidade de case medio punto no emprego estatal.

A pesar destes datos, o desemprego diminuíu en Galicia en 22 000 persoas, un «aparente paradoxo» que se explica porque as persoas máis vellas abandonan o mercado laboral por razón de idade, mentres que a as máis novas procuran emprego fóra da comunidade autónoma pola falta de expectativas. «Este é o gran logro de Feijóo: unha Galicia avellentada, sen emprego, cunha fráxil estrutura produtiva e entregada a mans privadas», censura Bouza.

Por esta razón, a secretaria de Emprego de CCOO reivindica a necesidade dun «cambio político» no noso país para o que o 12 de xullo «saia das urnas un Goberno que aposte por políticas progresistas que poñan as persoas e a defensa dos servizos públicos no centro da acción política, no canto de antepor os intereses privados aos da maioría social que quere vivir e traballar con dignidade en Galicia».

Análise por sexos e sectores

O paro baixa máis entre os homes que nas mulleres: 3976 desempregados menos por 2452 desempregadas. As mulleres soportan o 56 % do desemprego galego. Atendendo ás idades, o desemprego redúcese en 213 persoas entre as persoas menores de 25 anos e en 6215 entre as maiores desa idade.

Por sectores, o desemprego redúcese en todos, agás no colectivo sen emprego anterior: na agricultura 21 persoas desempregadas menos, na industria 777, na construción 930 e nos servizos 5243. No colectivo sen emprego anterior medra o desemprego en 543 persoas. Aínda que en termos absolutos a maior redución de desemprego é no sector dos servizos —o que maior volume de paro ten—, en termos relativos é a construción a que reflicte un maior descenso do paro, cunha caída do 6 %.

Prestacións e afiliación

No mes de maio cobraron algún tipo de prestación por desemprego 241 045 persoas. Delas, 184 366 perciben unha prestación contributiva; as restantes 56 679, subsidios. O groso das prestacións contributivas corresponde aos ERTE, un mecanismo aprobado polo Goberno central, cuxas prórrogas se acordaron cos axentes sociais e constitúen unha garantía do mantemento do emprego.

Canto á Seguridade Social, a afiliación medra en 10 268 persoas cotizantes respecto ao mes anterior, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 986 642. O maior incremento de afiliación rexístrase no réxime xeral (+1,2 %), que acada 759 137 afiliados e afiliadas, mentres que o de autónomos e o do mar rexistran menores crecementos (0,4 % e 0,2 %) e contan con 207 379 e 20 126 persoas afiliadas, respectivamente. Os datos de afiliación evidencian unha lixeira melloría do mercado laboral, resultado do reinicio da actividade —primeiro relaxáronse as restricións e, finalmente, levantouse o estado de alarma—. Con todo, a creación de emprego é inferior á de anos anteriores, reflexo da situación en que aínda se encontra a economía.

Análise da contratación

En maio rexistráronse en Galicia 54 414 contratos, dos que 49 624 foron temporais. Isto é, só nove de cada cen contratos formalizados foron indefinidos. A contratación indefinida medra un 46 % no último mes, mentres que a temporal medra un 80 %. A caída da actividade no último ano reflíctese con claridade na evolución interanual da contratación, cunha caída do 45 % no número de contratos rexistrados.

O paro rexistrado experimenta unha mellora conxuntural que precisa medidas de apoio á actividade e ao emprego

xoves 2 de xullo de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas