Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

martes 15 de maio de 2018

CCOO e UGT chaman a participar na mobilización feminista do 16 de maio

  • Concentracións este serán en numerosas vilas e cidades galegas

CCOO e UGT unímonos e chamamos a participar na mobilización feminista do 16 de maio de 2018 baixo o lema «Compromiso = Orzamento», contra o incumprimento nos Orzamentos Xerais do Estado dos 200 millóns de euros comprometidos polo Goberno para loitar contra a violencia machista.

As mobilizacións esixen que o Goberno cumpra os seus compromisos

As mobilizacións esixen que o Goberno cumpra os seus compromisos

UGT e CCOO facemos fincapé nas seguintes cuestións:

- É intolerable que o Goberno do Estado desatenda o clamor das mulleres e da cidadanía que reclaman recursos suficientes para atallar as violencias machistas, como se expresou masivamente o pasado 8 de marzo nas mobilizacións feministas contra a sentenza do caso «La Manada», así como na recente celebración do Primeiro de Maio.

- Esiximos o cumprimento do compromiso económico destinado a desenvolver o Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero, e lembrámoslle ao Goberno do Partido Popular que a loita contra o machismo debe ir máis aló de réditos partidistas, escenarios e titulares nos medios: require a aplicación inmediata dos compromisos económicos adquiridos.

– CCOO e UGT viñemos denunciando o fracaso do Goberno para combater a violencia, con medidas insuficientes que garantan a atención, prevención e protección das vítimas. O fenómeno suma cifras alarmantes: máis de 900 mulleres asasinadas por violencia de xénero desde a entrada en vigor da Lei 1/2004, 23 menores asasinados e case 200 máis en orfandade nos últimos cinco anos. Así mesmo, reclamamos dereitos para as mulleres vítimas de violencia sexual, agresións, acoso sexual, matrimonios forzados, trata e mutilacións xenitais, que, atendendo ao Convenio de Istambul, tamén deben ser recoñecidas como vítimas de violencia de xénero.

– UGT e CCOO consideramos as violencias machistas a expresión máis dramática das desigualdades estruturais: discriminación laboral, económica, desprotección social, feminización da pobreza, etc. É urxente corrixir os déficits detectados no ámbito laboral, educativo, sanitario, servizos e intervención social, formación para operadores xurídicos e policiais, así como as necesarias infraestruturas e dotacións en ámbitos autonómicos e locais.

– Reclamamos os recursos públicos necesarios para a posta en marcha do Programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, coas garantías no exercicio dos dereitos laborais, económicos e sociais.

– CCOO e UGT animamos a participar nas mobilizacións convocadas para o 16 de maio. As mulleres, a sociedade organizada, berramos de indignación e queremos respostas e actuacións efectivas XA!!!
 
CONCENTRACIÓNS
— Ames: praza da Maía (Bertamiráns), 19 h
— Santiago de Compostela: praza 8 de Marzo, 20 h
— Vigo: Vía Norte, 20 h
— Pontevedra: praza da Peregrina, 20 h
— Vilagarcía de Arousa: praza da Constitución, 20 h
— A Coruña: Obelisco, 20 h
— Marín: Concello, 20:30 h
— Carballo: Concello, 20 h
— Cangas do Morrazo: Concello, 20:30 h
— Noia: Concello, 21 h
— Lalín: praza da Igrexa, 20:30 h
— Sarria: Concello, 20:30 h
— O Barco de Valdeorras: Concello, 20 h
— Ourense: Subdelegación do Goberno, 20 h

CCOO e UGT chaman a participar na mobilización feminista do 16 de maio

martes 15 de maio de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas