Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

mércores 25 de marzo de 2020

Denuncia da situación de exclusión das persoas traballadoras do fogar e coidados nas medidas de protección fronte á crise sanitaria da covid-19

Desde o Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia damos voz ás organizacións que compoñen a Rede Estatal de Traballadoras de Fogar e Coidados (RETHOC) na súa denuncia. Un dos colectivos máis feminizados do mercado laboral, as empregadas do fogar e coidados, quedou excluído no programa de medidas de protección social que o Goberno puxo en marcha para combater a crise económica en que nos some a emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19.

CCOO denuncia a exclusión das traballadoras do fogar

CCOO denuncia a exclusión das traballadoras do fogar

Trátase dun dos colectivos máis vulnerables e discriminados canto a dereitos (sen dereito a paro, poden ser despedidas sen causa xustificada, non as inclúe a lei de prevención de riscos laborais, etc.), que agora, ademais, se enfronta á situación grave e perigosa para a súa saúde e a das persoas ás que coidan que supón o risco de contaxio. Suman máis de 600 000 traballadoras (segundo datos da Enquisa de poboación activa) que, nesta situación excepcional, seguen coidando de miles de persoas nos seus domicilios, que o necesitan porque o sistema público de servizos sociais e de coidados é insuficiente e está infradotado.

Nestes momentos de vulnerabilidade absoluta de todos os sectores económicos, este colectivo estase a facer cargo da atención necesaria para que os dereitos e a saúde das persoas que coidan non empeoren, á custa da súa propia saúde e dos seus propios dereitos. Non esquezamos que son mulleres que, en moitas ocasións, traballan en réxime interno nos fogares, polo que perder o emprego supón, á vez, perder a vivenda habitual ou, de non o perder, poden estar sufrindo situacións de xornadas continuas e sen descanso debido ao confinamento decretado pola crise sanitaria.

Co envío desta carta ao Goberno, promovemos que as inclúa nas medidas de protección especial. Así, desde este Gabinete, CCOO súmase a este chamamento de xustiza social:

Agora, cando máis visible se fai a importancia destes servizos, non pode ser o momento en que o trato ás persoas que os desempeñan sexa precario e inxusto. Está nas nosas mans promover o noso compromiso cos coidados.

A seguir deixamos a ligazón á carta para que, se queres unirte, ti tamén a envíes.


https://escribealpresidente.presidencia.gob.es/formulario
 

Denuncia da situación de exclusión das persoas traballadoras do fogar e coidados nas medidas de protección fronte á crise sanitaria da covid-19

mércores 25 de marzo de 2020

Documentos relacionados

Modelo de carta [PDF]

Ligazóns de interese relacionadas

Formulario para escribirlle á Presidencia do Goberno de España

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
Servizos - Gabinete de Igualdade - Actualidade