Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

martes 25 de agosto de 2020

Desculpen que insistamos: a importancia de seguir formando en igualdade o sindicalismo

É indispensable sensibilizar e formar as persoas sindicalistas para que, na negociación colectiva, defendan a igualdade de oportunidades e a non discriminación entre mulleres e homes. Aínda que a lexislación actual é clara ao respecto e formalmente están penadas as actitudes empresariais discriminatorias, na práctica a evolución dos plans e medidas de igualdade nas empresas semella cortada polo mesmo patrón: cumprir coa norma formalmente e sobre o papel.

Gabinete de Igualdade de CCOO: estámos para axudarche!

Gabinete de Igualdade de CCOO: estámos para axudarche!

Fonte: Gabinete de Igualdade de CCOO. Do mesmo xeito, os documentos congresuais deste sindicato proclaman o seu compromiso coa igualdade no mercado laboral e no conxunto da sociedade. Por iso, o labor deste Gabinete é fomentar o compromiso coa igualdade nas persoas con capacidade e espazo público para negociar as medidas laborais: a través da negociación colectiva, dos convenios sectoriais e de empresa é como nos achegamos ás traballadoras e traballadores con esta perspectiva de cambio favorable e necesario.

A ferramenta para que as persoas afiliadas, delegadas e representantes deste sindicato se asesoren sobre a negociación de cláusulas e plans de igualdade é o Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia.

Por mor da crise sanitaria da COVID-19, a formación que imparte o Gabinete quedou interrompida pero temos que superar as reticencias e obstáculos que provocou esta situación e recuperar o formato clásico de formación, pois é imprescindible pola natureza dos temas que se van tratar. As liñas de debate e discusión entre participantes que se xeran nas xornadas presenciais, coa achega das súas visións persoais e as das diferentes empresas das que proveñen, non se poden reproducir do mesmo xeito na formación en liña que, por defecto, resulta máis individualista e formal.

Se a formación que impartimos consistise simplemente en terminoloxía e contidos, poderiamos organizar xornadas telemáticas, que serían tamén moi produtivas (e que, finalmente, terán que ser a alternativa menos produtiva pero necesaria igualmente). Porén, o noso labor céntrase máis na transmisión e educación na perspectiva de xénero: focalizamos as xornadas na practicidade dos plans de igualdade nas empresas pero, empregando aquí unha frase tradicional na metodoloxía sobre a igualdade, pretenden aprenderlles ás persoas asistentes a «poñer as gafas de xénero». Isto é, o noso labor principal é transmitirlles ás persoas que participan nas xornadas a importancia e a necesidade do cambio de perspectiva.

Temos que organizar xornadas presenciais porque a interacción e o debate entre as persoas que conforman o grupo e a persoa formadora suscitan cuestións que sementan a dúbida sobre o statu quo patriarcal e machista no que, aínda hoxe, se sustentan as relacións laborais. Somos conscientes de que o cambio é progresivo e lento, e de que o mesmo debate xera ás veces moitas reticencias na parte interlocutora.

A finalidade última, promover a negociación sensible de plans de igualdade nas empresas, así como a súa correcta e efectiva implantación a través do seguimento e avaliación dos resultados, depende de que as delegadas e delegados sindicais —receptores da nosa formación— apliquen ese enfoque novo.

Os plans de igualdade só mellorarán a situación nas empresas e eliminarán as discriminacións e tratos desigualitarios entre mulleres e homes mediante o compromiso na súa implantación; isto non será posible se as persoas encargadas de negocialos e poñelos en marcha non asumen a súa necesidade, ou non son quen de analizar situacións de desigualdade e discriminación que, por sutís, pasan desapercibidas á mirada tradicional.
Máis aínda, temos que ser conscientes de que todos estes cambios non só resultarán positivos para as empresas, senón tamén para a concienciación das persoas que os negociaron e para todas ás que lles afecten as medidas e plans, o cal implica un progreso exponencial na loita contra as desigualdades no seo da propia sociedade.

Para CCOO, a calidade do compromiso contra as desigualdades sociais e empresariais mídese pola concienciación e responsabilidade das persoas que loitan contra o machismo flagrante, pero tamén contra o machismo benévolo que, disfrazado de coidado e preocupación, mantén as mulleres nunha posición discriminatoria no mercado de traballo e na vida.

Así, ademais das ferramentas para que os plans de igualdade sexan eficientes, as xornadas desenvolven temas clave na loita pola igualdade, como son a violencia de xénero e as súas ramificacións, entre elas o acoso sexual e por razón de sexo; a importancia e necesidade de relacionar a conciliación coa corresponsabilidade, para que as tarefas de coidados non sigan considerándose unicamente obrigas femininas; e, por suposto, o papel representativo e educativo da linguaxe inclusiva e non sexista.

Por todas estas razóns, insistimos na importancia de que o sindicalismo galego continúe a formarse en igualdade e perspectiva de xénero de maneira didáctica e produtiva, pois se somos unha organización comprometida coa igualdade entre mulleres e homes no mercado laboral e na sociedade, debemos comezar por implicar nesa loita activa as persoas que a conforman.

Desculpen que insistamos: a importancia de seguir formando en igualdade o sindicalismo

martes 25 de agosto de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
Servizos - Gabinete de Igualdade - Actualidade