Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

xoves 3 de marzo de 2016

CCOO denuncia a precariedade do emprego feminino en Galicia

  • Un estudo de CCOO sinala que a desigualdade, o desemprego e a precariedade son as principais eivas do traballo feminino en Galicia

O Sindicato Nacional de CCOO acaba de presentar un estudo sobre a situación laboral das mulleres en Galicia: «Desigualdade, desemprego e precariedade, as eivas do traballo feminino en Galicia». O documento foi presentado pola secretaria da Muller do sindicato, Mabel Pérez, e a economista Silvia Parga.

Mabel Pérez (á esquerda) e Silvia Parga (á dereita) presentaron o estudo

Mabel Pérez (á esquerda) e Silvia Parga (á dereita) presentaron o estudo

Os datos da EPA indican que no cuarto trimestre de 2015 había 13.400 mulleres máis con emprego en Galicia ca hai un ano. Porén, unha lectura detida das cifras permite concluír que o balance anual ten «máis sombras ca luces», afirman en CCOO. No cuarto trimestre de 2015 eran 488.100 as mulleres que tiñan un emprego en Galicia; seguen por baixo do medio millón e quedan moi lonxe aínda das que había antes da crise (48.700 menos ca no cuarto trimestre de 2008).

Canto á calidade, o emprego das mulleres «deixa moito que desexar», sinala o estudo de CCOO. O emprego a tempo parcial é mormente feminino (as mulleres representan o 76 % das persoas empregadas a xornada parcial). Ademais, non escolleron elas esta opción, senón que o 63 % manifesta que a aceptou por non atopar un emprego a tempo completo; mentres que un 13 % se acolle a este tipo xornada por mor das responsabilidades familiares. É salientable que no caso dos homes só un 2 % está nesta situación, o que evidencia que seguen sendo sobre todo as mulleres as que adaptan as súas condicións laborais ás circunstancias familiares e, en moitos casos, renuncian a unha dedicación que impulsaría a súa carreira profesional.

Hai demasiado emprego a tempo parcial e unha taxa de temporalidade que non deixa de subir, pois xa alcanza o 27,5 %; son 2,6 puntos máis ca no cuarto trimestre de 2014. Estas dúas debilidades do mercado laboral aínda as padecen con maior crueza as traballadoras menores de 30 anos: o 32,8 % das mozas teñen un emprego a tempo parcial e o 60 % das menores de 30 anos que traballan por conta allea, un contrato temporal.

Representación nos órganos de decisión

CCOO tamén denuncia no estudo os desequilibrios no que atangue á presenza das mulleres nos órganos de decisión das empresas, «malia non haber razóns fundamentadas». Segundo o sindicato, «non é un problema de formación, nin de competencia, nin de liderado, nin de conformismo». Nos postos de traballo que requiren unha alta cualificación, como os técnicos, científicos e intelectuais, hai máis ocupadas ca ocupados (un 21 % de ocupación feminina fronte ao 13 % de masculina), pero as mulleres aínda están infrarrepresentadas nos postos de dirección e xerencia (un 2,4 % de ocupadas fronte a un 4,9 % de ocupados).

Fenda salarial

As circunstancias das mulleres para acceder e permanecer no mercado laboral están entre os factores que explican a fenda salarial. Segundo datos estatísticos recollidos neste documento, sería necesario incrementar un 21,94 % o salario anual feminino medio para equiparalo ao masculino.

CCOO denuncia a precariedade do emprego feminino en Galicia

xoves 3 de marzo de 2016

Ligazóns de interese relacionadas

Caderno n.º 19: Desigualdade, desemprego e precariedade, as eivas do traballo feminino en Galicia [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas