Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

martes 24 de xullo de 2018

Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia polo Día da Patria Galega de 2018

Galicia precisa Goberno e autogoberno. É a principal reivindicación do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras ás portas do Día da Patria Galega. Facer de Galicia un lugar axeitado para traballar e vivir require outro xeito de facer as cousas. No último ano mudou o mapa político do Estado e, polo tanto, albíscanse novas oportunidades que cómpre aproveitar en clave de país.

Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia polo Día da Patria Galega de 2018

Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia polo Día da Patria Galega de 2018

Semanas atrás, Feijóo renunciou a concorrer na carreira sucesoria de Mariano Rajoy, escusando a súa decisión no compromiso coas galegas e cos galegos. Desde CCOO esixímoslle que, se pretende continuar, debe exercer de presidente: nin de delegado do Goberno, como facía antes, nin de home de Estado ou xefe da oposición. Actualmente hai un novo delegado do Goberno en Galicia e, desde hai poucos días, novo xefe da oposición. Alberto Núñez Feijóo está, polo tanto, liberado para exercer de presidente da Xunta de Galicia.

A moción de censura que desaloxou o Partido Popular do Goberno de España debe significar a fin da política dos recortes, máis aínda cando a propia Unión Europea amosa maior flexibilidade. Ao abeiro dese criterio máis benévolo, o novo Executivo español autorizou as comunidades autónomas a elevaren en dúas décimas o seu teito de gasto. Porén, as comunidades autónomas presididas polo PP votaron contra a decisión no Consello de Política Fiscal e Financeira.

Para CCOO, facer país é máis que repetir «Galicia, Galicia, Galicia» diante dos micrófonos. Facer país é tamén esixirlles aos compañeiros e compañeiras de partido que poñan a cidadanía por diante das siglas. No noso caso, a ampliación do teito de gasto é fundamental para a mellora dos investimentos e dos servizos públicos, fundamental para que galegas e galegos comecemos a asomar a cabeza polo profundo burato que causaron a crise e os recortes.

Reforzar o autogoberno

Galicia precisa Goberno e, como xa dixemos, tamén autogoberno. Estamos preocupados polo auxe en toda Europa de posturas cada vez máis conservadoras e restritivas canto a dereitos e liberdades, tamén en España. A remuda á fronte do PP certifica, precisamente, o triunfo das teses máis involucionistas por canto supoñen de centralismo político, conservadorismo moral ou intolerancia cara á diversidade étnica e lingüística no Estado. Neste sentido, o sindicato reitera o seu compromiso co carácter nacional de Galicia, coa súa lingua propia e coa súa cultura, sempre desde o respecto ao pluralismo.

Desde o Sindicato Nacional de CCOO esiximos completar o mapa autonómico de competencias, cunha dotación suficiente para que non lle custe máis diñeiro ao pobo galego. Este mes fixo dez anos da última transferencia de competencias, situación anómala e insólita na historia da nosa autonomía.

Por esta razón, instamos o Goberno galego a que reivindique competencias, pero que o faga con sentido de país e non como arma partidista. Que as reivindique coa autoridade que non amosou perante Rajoy, pero que non as instrumentalice no debate político.

Iso si, as competencias débense utilizar: nos últimos nove anos, a Xunta de Galicia non as aproveitou ao máximo. Malia o declive dos sectores produtivos, malia o problema estrutural do desemprego, malia o avellentamento da poboación e a emigración da mocidade, malia as deficiencias de vertebración territorial, houbo competencias desaproveitadas en materia de política industrial, políticas de emprego, política social ou de infraestruturas.

A xuízo do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Galicia debe ter como acción prioritaria para as súas institucións e axentes sociais o compromiso co emprego digno, a loita pola igualdade entre mulleres e homes e a revalorización dos salarios. En definitiva, a mellora da calidade de vida dos galegos e das galegas.
 
Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2018

Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia polo Día da Patria Galega de 2018

martes 24 de xullo de 2018

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas