Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#QueNonChaXoguen co salario mínimo

luns 28 de xaneiro de 2019

CCOO esixe investimentos para a inclusión do noroeste español na Rede Transeuropea de Transporte por Ferrocarril

  • Hoxe tivo lugar en Santiago de Compostela un foro reivindicado polo sindicato hai xa dous meses, para analizar as necesidades de infraestruturas e a planificación estratéxica de futuro

Dirixentes de Comisións Obreiras (CCOO) de Galicia, Asturias e Castela e León esixiron hoxe en Santiago de Compostela investimentos para a inclusión das tres comunidades do noroeste na Rede Transeuropea de Transporte por Ferrocarril. Así o expresaron no transcurso dun foro que, precisamente, xorde dunha petición formulada polo sindicato hai dous meses na vila berciana de Ponferrada.

De esq. a der., José M. Zapico, Ramón Sarmiento e Vicente Andrés

De esq. a der., José M. Zapico, Ramón Sarmiento e Vicente Andrés

Daquela, as tres organizacións de CCOO instaban os respectivos Gobernos autonómicos a promoveren un espazo de encontro entre sindicatos, patronais e Administracións para analizar as necesidades de infraestruturas, a planificación estratéxica de futuro e ampliar a planificación común de aspectos relativos a estratexia industrial e política enerxética.

Todos os actores se reuniron, por fin, este 28 de xaneiro, na Cidade da Cultura, para comezar a reivindicar investimentos no chamado corredor atlántico ferroviario. As tres organizacións de CCOO celebran que deste encontro saíse unha posición común dos respectivos Gobernos autonómicos —encabezados polos seus presidentes— para influír nas decisións europeas que conformarán a futura Rede Transeuropea de Transporte por Ferrocarril.

A representación de CCOO correu a cargo do secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, que participou nunha das mesas redondas incluídas neste encontro. Tamén asistiron os secretarios xerais de CCOO Castela e León, Vicente Andrés, e o de Asturias, José Manuel Zapico, ademais do responsable da Federación de Servizos á Cidadanía de Castela e León, Carlos López Inclán e o secretario xeral de CCOO de León, Xosepe Vega.

Declaración de Ponferrada

A Declaración de Ponferrada, subscrita polas tres organizacións de CCOO o pasado 26 de novembro nesta localidade do Bierzo (León), denunciaba a «exclusión» do noroeste español do sistema circulatorio da economía e o mercado único europeo. Por esta razón, esixíase a súa inclusión para evitar o illamento destes territorios. Ademais, no caso galego, ten grande importancia «tamén polo que se refire ás conexións con Portugal», sinalou Sarmiento.

Agora, o corredor xa está aprobado polo Parlamento europeo, pero «cómpre facer valer a súa importancia para lograr os proxectos que o desenvolvan e o financiamento suficiente para poñelo en marcha», sinala Sarmiento. Hai que ter en conta que a rede de corredores efectuarase baixo a supervisión e coordinación europea e, previsiblemente, «conformará un novo modelo».

Corredores europeos

A Comisión Europea propuxo nove corredores, dous deles en España: o corredor mediterráneo, que entra en España por Figueres e chega até Alxeciras e Sevilla; e o Lisboa-Estrasburgo (que en España se denomina atlántico), desde a fronteira portuguesa ata Irún.

Xunto á rede básica, propóñense «outras seccións», referíndose ás conexións con Galicia e Asturias; ao tramo Valencia-Bilbao (corredor cantábrico-mediterráneo) e tamén ao tramo Madrid-Valencia (atlántico-mediterráneo). Deste xeito, en España, a configuración final da rede quedaría determinada por unha malla con cinco corredores multimodais (mediterráneo, central, atlántico, cantábrico-mediterráneo e atlántico-mediterráneo) conectados entre si e con algúns tramos compartidos.


 

CCOO esixe investimentos para a inclusión do noroeste español na Rede Transeuropea de Transporte por Ferrocarril

luns 28 de xaneiro de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros