Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#QueNonChaXoguen co salario mínimo

luns 25 de febreiro de 2019

CCOO rexeita o ERTE anunciado por Bosch en Vigo e reúne apoios dos partidos políticos

Comisións Obreiras rexeita o expediente de regulación temporal de emprego (ERE) anunciado polo centro de chamadas Bosch para as súas instalacións de Vigo. O sindicato iniciou unha rolda de contactos cos diferentes partidos políticos para recabar o seu apoio. O primeiro dos encontros tivo lugar este luns con Yolanda Díaz, deputada de En Marea no Congreso.

Un momento da reunión de Yolanda Díaz con representantes de CCOO

Un momento da reunión de Yolanda Díaz con representantes de CCOO

Após a reunión, Díaz e representantes de CCOO deron unha conferencia de prensa conxunta. Juana Taboada (CCOO), traballadora de Bosch, explicou que a empresa achegou documentación xustificativa para esta regulación de emprego. Con todo, apuntou que «para nós non abonda», xa que se alude a causas organizativas que non fican demostradas sobre o papel.

A causa probable estaría relacionada co ERE de Vodafone, un dos seus principais clientes, «pero Bosch non detallou o impacto que tería para a súa empresa e, sen resolver iso, presenta o ERTE», lamentou a traballadora.

Taboada tamén explicou que o ERTE afectaría a 800 persoas, con períodos de suspensión entre os dez días e os dous meses. Así mesmo, lembrou que foron despedidas 200 persoas que prestaban servizos a través de empresas de traballo temporal.

Pola súa parte, Yolanda Díaz salientou a gravidade para unha cidade como Vigo dunha regulación de emprego na que se manexan cifras desta envergadura.  A representante de En Marea criticou que as grandes multinacionais estean «facendo coa xente o que lles peta», e lamentou que o marco laboral llelo permita.

Precisamente, En Marea presentou a pasada semana unha proposición de lei antideslocalización, para situar España ao nivel doutros países europeos, colcoando atrancos para que as grandes multinacionais deslocalicen e se comprometan cos territorios onde teñen centros de traballo.

Por último, Díaz aseverou que «estamos en tempo de desconto» —o 5 de marzo disólvense as Cámaras—, «pero seguiremos presentando iniciativas», concluíu.

CCOO rexeita o ERTE anunciado por Bosch en Vigo e reúne apoios dos partidos políticos

luns 25 de febreiro de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade