Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Conferencia de Xuventude de Galicia

luns 16 de decembro de 2019

Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO: «Hai que construír unha nova normativa laboral de forma pactada»

  • O dirixente sindical cualificou de «demoledores» os efectos da reforma laboral do 2012, que facilitou o despedimento de traballadoras e traballadores de baixa médica
  • O secretario xeral de CCOO reivindica que Galicia poida planificar unha transición ecolóxica «xusta» e esixiu a implicación do sector público

O secretario xeral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, Ramón Sarmiento, foi entrevistado este luns no espazo 'Bos Días' da Televisión de Galicia. O dirixente sindical respondeu a preguntas relacionadas co diálogo social, a situación da industria electrointensiva, a reforma laboral, o sistema público de pensións e o salario mínimo.

Un momento da entrevista na Televisión de Galicia

Un momento da entrevista na Televisión de Galicia

Diálogo social

Sarmiento explicou que «a necesidade de ter máis emprego, de máis calidade e nun contexto de igualdade no ámbito laboral» foron os tres eixes en que CCOO articulou a súa intervención no proceso de diálogo social, cuxos acordos se asinaron a pasada semana.

«Foi unha negociación complexa e bastante dura», salientou Sarmiento, ao tempo que apuntou que «o texto final dos acordos recolle unha gran parte das reivindicacións que levabamos á mesa de negociación».

Na súa opinión, o máis importante é que a Xunta e a patronal vaian «normalizando» a lexitimidade dos sindicatos «á hora de tratar as políticas públicas que afectan aos traballadores e traballadoras».

Reforma laboral

Preguntado sobre os despedimentos de traballadoras e traballadores por baixas médicas intermitentes, o secretario xeral de CCOO lembrou que se trata dunha consecuencia da reforma laboral do PP. «Os efectos da reforma laboral son demoledores», insistiu Sarmiento, porque «endureceu e facilitou as posibilidades dunha empresa para despedir un traballador ou traballadora de baixa».

A reste respecto, a recente sentenza do Tribunal Constitucional que avala este tipo de despedimentos «doeunos e sorprendeunos», recoñeceu o dirixente sindical, porque a normativa laboral que a sustenta «vai contra os tratados da Organización Internacional do Traballo e mesmo contra a normativa da Unión Europea».

«Hai unha expectativa na clase traballadora galega» de que un Goberno de progreso «dea resposta a algúns dos elementos centrais desa política de desvalorización dos dereitos laborais, económicos e sociais», entre os que situou a reforma laboral, pero tamén a reforma das pensións ou a lei mordaza.

Na súa opinión, non se trata só de derrogar para «volver atrás», ao que había antes, senón que «hai que construír unha nova normativa laboral de forma pactada» pois a aprobada polo PP en 2012 foi unilateral.

Transición ecolóxica xusta

Canto á situación das industrias electrointensivas, o secretario xeral de CCOO sinalou que «Galicia é a cuarta comunidade en actividade industrial», pero ten unha parte dos seus sectores «eminentemente ameazados. E todas as ameazas sinalan ao mesmo Ministerio, tanto no que ten a ver coa enerxía, como coa transición ecolóxica, ou a modificación da lei de ocupación do dominio marítimo-terrestre». Cómpre unha «transición xusta», e iso require tempo e recursos públicos.

«Galicia ten que impoñer a esixencia de que conta coa autonomía suficiente para planificar de xeito ordenado o seu proceso de transición ecolóxica. Estamos en disposición de acometer esa transición e así o reflicten os acordos do diálogo social», reivindicou Sarmiento.

No caso concreto de Alcoa-San Cibrao, o secretario xeral de CCOO explicou que «a transición ecolóxica no mundo vai consumir aluminio» e esta é a única planta que produce alúmina en Europa. O resto, prodúcese no resto de países «que non permitiron [no recente Cumio do Clima de Madrid] un acordo máis ambicioso sobre a transición ecolóxica». Producir con criterios de defensa do medio ambiente e protección ecolóxica «é máis caro que facelo en países que non asinan eses acordos, e cómpre asumir ese custo» por parte do sector público.

Pensións

No que atangue ás pensións públicas, cuxa contía está minguando, o secretario xeral de CCOO explicou que estas prestacións son «un espello do que acontece no mercado de traballo»; daquela, se se deterioran as condicións laborais, tamén empeorarán as pensións.

No referente á saúde do sistema público de pensións, o dirixente sindical sentenciou que «é viable e para Galicia é imprescindible, vital», pois representa case o 30 % do PIB de provincias como Lugo. As pensións «moven a economía e protexen a familia, porque en moitos fogares é o único ingreso». Tamén sinalou que a incorporación ás pensións da xeración do baby boom requirirá mellorar o sistema público de pensións.

Salario mínimo

Sarmiento rematou a entrevista falando do salario mínimo interprofesional (SMI) e a suba que podería acometer o novo Goberno. Segundo o sindicalista, España está en Europa «para todos os efectos», e Europa di que o SMI ten que representar o 60 % do salario medio. Porén, no caso español está uns trescentos euros por baixo. Por esta razón, concluíu que «é de xustiza dar resposta a esta necesidade», e a última suba do SMI, «fronte ao que dicían algunhas previsións», non causou ningún desastre.

Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO: «Hai que construír unha nova normativa laboral de forma pactada»

luns 16 de decembro de 2019

Ligazóns de interese relacionadas

Entrevista íntegra na web da Televisión de Galicia

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Áreas - Saúde Laboral - Actualidade
Áreas - Sociopolítica - Política social - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Federacións Nacionais - Pensionistas e Xubilados - Actualidade
Áreas - Saúde Laboral - Medio Ambiente