Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

mércores 7 de novembro de 2018

CCOO organiza en Vigo unha xornada para divulgar a problemática do amianto

  • Intervirán especialistas de diferentes ámbitos, así como representantes sindicais, da política e persoas afectadas pola exposición ao asbesto

A Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Galicia organiza este xoves en Vigo unha xornada sobre o amianto. O obxectivo é dar a coñecer os riscos deste material canceríxeno sobre a saúde das persoas. Malia o seu uso masivo durante décadas, hai poucos datos sobre o alcance real da problemática na comarca de Vigo.

Cartel anunciando a xornada

Cartel anunciando a xornada

O amianto ou asbesto é un axente canceríxeno, por esa razón está prohibido o seu uso desde o ano 2002. Porén, por mor das súas propiedades illantes, empregouse de xeito intensivo en todo tipo de industrias e tamén na construción, principalmente en caldeiras, tubaxes, sobrecubertas e outros elementos.

A xornada organizada pola Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Galicia terá lugar entre as 9 e as 18 horas no Hotel Zenit, situado na Gran Vía n.º 1, en Vigo. Na inauguración tomarán a palabra o secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, a secretaria xeral da Unión Comarcal de CCOO de Vigo, Amelia Pérez, o secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia, Carlos Mella, o seu homólogo estatal, Julián Gutiérrez, e o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero.

Nesta xornada intervirán especialistas como Alfredo Menéndez (Universidade de Granada), Montserrat García (Ministerio de Sanidade), Carmen Diego (Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol), Lucía Ferrón (Instituto Galego de Seguridade e Saúde), Carmen Mancheño (CCOO de Madrid), José Rodríguez Valdés (Confederación Sindical de CCOO) e Roi Fernández (Sindicato Nacional de CCOO de Galicia). Tamén intervirán representantes sindicais, políticos e persoas con doenzas orixinadas pola exposición ao asbesto.

CCOO organiza en Vigo unha xornada para divulgar a problemática do amianto

mércores 7 de novembro de 2018

Documentos relacionados

Programa da xornada [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade
O teu sindicato - Federacións Nacionais - Pensionistas e Xubilados - Actualidade