Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#QueNonChaXoguen co salario mínimo

luns 22 de abril de 2019

Galicia é a comunidade autónoma con maior incidencia dos accidentes mortais, salienta un estudo de CCOO

  • Comisións chama a derrogar a reforma laboral, xa que a precariedade está asociada aos accidentes de traballo: o 21 % dos accidentes con baixa sufríronos persoas cunha antigüidade inferior a tres meses

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia presentou este luns un estudo sobre os accidentes de traballo e enfermidades profesionais na comunidade autónoma. Entre os principais datos presentados destaca que Galicia duplica o índice de sinistralidade laboral mortal do Estado. Concretamente, segundo estatísticas oficiais, Galicia rexistrou un índice de incidencia de 6,05 accidentes mortais por cada cen mil traballadores/as, mentres que a proporción acadada na media do Estado foi do 3,24. Na clasificación por comunidades, obviando as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, Galicia é a que ten o maior índice de accidentes mortais.

Roi Fernández e Silvia Parga, na presentación deste estudo

Roi Fernández e Silvia Parga, na presentación deste estudo

Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral do sindicato, atribuíu este feito a tres causas principais. Dunha banda, a falta de traballo en prevención; doutra, a alta precariedade do mercado de traballo en Galicia; en terceiro lugar, o elevado peso que os sectores primarios —agricultura e pesca— aínda teñen na economía galega, e onde se rexistran a maior parte deses sinistros.

O impacto da precaridade

Canto á precariedade, o voceiro de CCOO explicou que as persoas cun contrato temporal sofren o 41,7 % dos accidentes de traballo. Tendo en conta que este colectivo representa o 26,6 % da poboación asalariada, «resulta evidente que a sinistralidade tamén vai da man do traballo precario». O sindicalista culpou a reforma laboral do 2012 da degradación das condicións laborais e, en consecuencia, dos altos índices de accidentes de traballo en Galicia.

Os traballadores e traballadoras con menos antigüidade no seu posto traballo teñen máis probabilidades de sufriren un accidente laboral. Un dato revelador disto é que o 21 % dos accidentes con baixa en xornada laboral rexistrados no 2018 sufríronos persoas que tiñan unha antigüidade inferior a tres meses no seu posto de traballo, porcentaxe moi elevada en relación coa poboación asalariada exposta a esa situación. Ante isto, Roi Fernández apelou a derrogar a reforma laboral do 2012 polo seu carácter «lesivo para os intereses da clase traballadora» e a articular unha nova regulación do mercado de traballo.

Aumento dos accidentes mortais

A economista Silvia Parga, autora do estudo, informou de que os datos públicos revelan que no ano 2018 se rexistraron en Galicia 30.972 accidentes de traballo con baixa (aumento do 2,39 %), dos cales o 90,21 % ocorreron en xornada laboral.

Respecto do ano anterior, o índice de incidencia baixou nos accidentes leves e graves, pero aumentou un 12,84 % nos mortais. No 2018 morreron 56 persoas nun accidente de traballo; 50 desas mortes producíronse en xornada laboral (son sete máis ca no 2017). En accidente in itinere morreron cinco homes e unha muller (no 2017 morreron tres homes e tres mulleres).

O incremento dos accidentes mortais en xornada laboral deuse nos homes e en todos os sectores de actividade, agás na construción. O maior aumento rexistrouse na agricultura (tres mortes máis, o que equivale a un aumento do 75 %) e na pesca (catro mortes máis, un 66,67 % de incremento).

Enfermidades profesionais

A pesar dos esforzos por sacar á luz a realidade das enfermidades profesionais, «neste campo queda moito traballo por facer», apuntou o secretario de Saúde Laboral de CCOO. O estudo presentado polo sindicato incide en que persiste a infradeclaración das enfermidades causadas polo traballo: en todo o 2018 só se comunicaron 1713 enfermidades causadas polo traballo, apenas trece máis que o ano anterior.

«Como sociedade non nos podemos permitir que non se identifiquen o cen por cento das enfermidades contraídas no traballo», salientou Fernández. En primeiro lugar, porque se unha enfermidade laboral se clasifica como común, recórtanse os dereitos económicos dos traballadores e traballadoras, amais de sobrecargar a seguridade social con custos que deberían asumir as mutuas. En segundo lugar, porque a non identificación de todas as enfermidades profesionais «impide traballar en prevención de maneira eficaz e, en consecuencia, que as persoas sigan enfermando e sexa moi difícil eliminar os riscos».

Galicia é a comunidade autónoma con maior incidencia dos accidentes mortais, salienta un estudo de CCOO

luns 22 de abril de 2019

Ligazóns de interese relacionadas

Informe de sinistralidade laboral en Galicia no 2018 [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros