Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

venres 4 de outubro de 2019

CCOO organiza en Ferrol unha xornada sobre o amianto

Este venres desenvólvese na sede comarcal de CCOO de Ferrol unha xornada sobre o amianto, que constitúe unha grave problemática, endémica nesta comarca. O amianto, tamén chamado asbesto, é un material canceríxeno que se usou durante décadas, ata a súa prohibición a finais do 2001. O seu emprego foi moi intensivo especialmente na construción naval, pero aínda hoxe está presente en tubaxes, illamentos ou teitos, entre moitos outros usos.

Cartel informativo

Cartel informativo

Por esta razón, a xornada titúlase «Todo o amianto que nos queda», para informar e concienciar sobre esta cuestión, pois o problema do amianto non rematou coa súa prohibición, senón que cómpre dar saída a todo o asbesto que continúa instalado.

O relator convidado para esta xornada é José Valdés, secretario confederal de Saúde Laboral de CCOO. O especialista sindical tratará cuestións como o programa de vixilancia sobre o amianto, a lei do fondo de compensación e a situación actual, a normativa sobre os traballos de desamiantado de edificios e as consecuencias para a saúde das persoas expostas ao asbesto.

Riscos

O secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia, Roi Fernández, sinala que todo o amianto que aínda está instalado é «un problema de saúde pública», pois tivo máis de tres mil aplicacións distintas. En moitos casos, o asbesto instalado está chegando ao final da súa vida util, o que «aumenta o risco, pois a degradación dos materiais provoca que solten fibras de amianto».

Son precisamente estas fibras as responsables dos diferentes tipos de cancro cuxa orixe se asocia directamente co amianto, caso do mesotelioma —un tipo de cancro.

Outro problema, segundo o sindicalista, é «non sabermos onde está todo o amianto que actualmente segue instalado». O simple descoñecemento do risco «tamén é un perigo para a saúde». Por esta razón, CCOO insta as diferentes Administracións a que aborden o problema de xeito «responsable», co obxectivo de retirar todo o asbesto presente dunha maneira «ordenada e segura».

CCOO organiza en Ferrol unha xornada sobre o amianto

venres 4 de outubro de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ferrol - Actualidade
O teu sindicato - Federacións Nacionais - Pensionistas e Xubilados - Actualidade