Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

venres 11 de outubro de 2019

CCOO critica a «desprotección para a saúde» que supón modificar a normativa sobre os axentes canceríxenos e mutáxenos

  • O proxecto tería un «grave impacto na saúde» das traballadoras e traballadores de sectores como o da lousa e o granito, xa que aumentaría o limiar dos límites tolerables de exposición ao po de sílice

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) critica a «desprotección para a saúde da clase traballadora» que supón modificar a normativa que regula os axentes canceríxenos e mutáxenos. O sindicato alerta de que incrementar o limiar dos límites tolerables de exposición a varios axentes «nocivos» implicaría un «grave impacto na saúde» das traballadoras e traballadores. En Galicia tería gran repercusión en sectores como os da lousa e o granito, xa que se permitiría unha maior exposición ao po de sílice.

A medida sería prexudicial para a protección da saúde en sectores como o da lousa

A medida sería prexudicial para a protección da saúde en sectores como o da lousa

O proxecto de real decreto presentado o pasado martes na Comisión Nacional de Seguridade e Saúde (CNSS) no Traballo, duplica os valores límites vixentes de exposición ao sílice cristalino e o bromoetileno, amais de triplicar o da acrilamida. CCOO esixe a revisión destes valores antes da súa aprobación polo Consello de Ministros, xa que «non se pode antepor a competitividade e os beneficios empresariais á saúde da poboación traballadora». No caso do sílice cristalino, o limiar de exposición elévase de 0,05 mg/m3 a 0,1 mg/m3, no do bromoetileno de 2,2 mg/m3 a 4,4 mg/m3 e no da acrilamida de 0,03 mg/m3 a 0,1 mg/m3.

O valor límite do po respirable de sílice, que pasa a ser clasificado como canceríxeno con esta directiva, foi aprobado en 2013 e deuse un período de dous anos —ata 2015— para a súa entrada en vigor, co fin de que as empresas puidesen adaptar os seus equipos e organización de traballo aos novos valores. Tanto a acrilamida como o bromoetileno xa aparecían clasificados como canceríxenos ou mutáxenos e cos valores límites actuais no ano 2000. «A proposta supón un retroceso de dúas décadas no nivel de protección fronte a estas substancias», reproba Fernández, quen conclúe que «o obxectivo debe ser o cancro cero no traballo, máis aínda cando as empresas xa tiñan que estar adaptadas ao que marcaba a normativa».

O dito proxecto de real decreto responde á obriga do Goberno de España de transpor antes de xaneiro de 2020 a Directiva europea 2017/2398, que á súa vez modifica a directiva de axentes canceríxenos e mutáxenos. A nova norma fixa valores límites obrigatorios para catorce substancias canceríxenas, fronte aos tres existentes na anterior. Non obstante, trátase dun «nivel de protección mínima que os Estados membros poden mellorar», apunta Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral de CCOO.

Durante o proceso de tramitación do real decreto, CCOO solicitou que a transposición respectase os valores límites vixentes en España naqueles casos en que eran inferiores aos propostos pola Directiva. Dito doutro xeito, «esiximos que se manteña a normativa máis favorable para a protección da saúde dos traballadores e das traballadoras», sinala Roi Fernández.

Precisamente, ese foi o criterio que se seguiu nos diferentes borradores que o Ministerio de Traballo foi facilitando ao longo do proceso de tramitación. Porén, o proxecto definitivo renuncia a este criterio, tras aceptar o Goberno en funcións as alegacións de empresas, organizacións patronais e a asociación de mutuas AMAT, favorables a unha transposición literal da directiva europea, «obviando os aspectos en que a normativa estatal é mellor», critica o secretario de Saúde Laboral de CCOO.

CCOO critica a «desprotección para a saúde» que supón modificar a normativa sobre os axentes canceríxenos e mutáxenos

venres 11 de outubro de 2019

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros