Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

mércores 19 de agosto de 2020

A Consellaría de Política Social «improvisa» na apertura das escolas infantís, denuncia CCOO

  • O departamento autonómico non previu o reforzamento de recursos materiais e humanos nuns centros que levan pechados desde o mes de marzo

A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia (FSC-CCOO) non comparte a «falta de previsión» coa que a Consellaría de Política Social ten pensado comezar o curso 2020-2021 nas escolas infantís da súa competencia, adscritas tanto á Axencia de Servizos Sociais como ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade. Desde o sindicato lembran que estes centros están sen atención nin persoas usuarias desde o pasado mes de marzo, cando se viron obrigadas a pechar pola declaración de estado de alarma e a emerxencia sanitaria da COVID-19.

Escola infantil de titularidade autonómica en Vigo | Foto: Google Maps

Escola infantil de titularidade autonómica en Vigo | Foto: Google Maps

CCOO afirma que a Consellaría «improvisa» na reapertura das escolas, prevista para o vindeiro 4 de setembro, xa que non se produciu unha dotación axeitada de medios materiais e humanos, malia as reiteradas peticións do sindicato.

Segundo a FSC-CCOO, para poder implementar o protocolo establecido, cómpre reducir a ratio de nenas e nenos por aula. «Non é de recibo que, na situación actual, se pretenda seguir xuntando vinte menores cun educador ou educadora nas aulas de 2-3 anos, como antes da pandemia», censura o sindicato. Para reducir a ratio é preciso incrementar o número de educadoras e educadores, de xeito que as escolas infantís conten coas denominadas «aulas burbulla».

Así mesmo, para cumprir cos protocolos de desinfección, que implican traballo extraordinario, cómpre reforzar o servizo. Para isto, nas escolas da Axencia deberán aumentar o persoal dedicado a este cometido, mentres que no Consorcio terían que dotarse del.

Así mesmo, a FSC-CCOO tamén denuncia, no caso do Consorcio, a falta de medios de protección «tan básicos» como uniformes suficientes e podelos lavar no propio centro, así como un stock para o persoal substituto.

Por último, CCOO lembra que os edificios onde se localizan as escolas infantís non contan con espazos que poidan utilizarse para dividir unidades, tales como ximnasios ou bibliotecas. Ademais, os patios exteriores non adoitan estar cubertos, polo que en Galicia son «pouco útiles» como lugares de lecer durante boa parte do curso.

A Consellaría de Política Social «improvisa» na apertura das escolas infantís, denuncia CCOO

mércores 19 de agosto de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Sociopolítica - Política social - Actualidade
Información - Novas