Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

venres 20 de novembro de 2020

Sinistralidade laboral en tempos de pandemia

A crise sanitaria está a repercutir en todos os estamentos sociais e, como cabía esperar, tamén no mundo do traballo. Isto impídenos facer unha análise obxectiva dos datos de sinistralidade: é imposible comparar 2020 cos anos anteriores.

Este ano produciuse un accidente mortal e outro grave no saneamento veterinario

Este ano produciuse un accidente mortal e outro grave no saneamento veterinario

Fonte: ROI FERNÁNDEZ, secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia. Nos tres primeiros trimestres do ano, o número de accidentes reduciuse significativamente en máis dun 20 %, pero non podemos avaliar este dato como positivo: entendemos que o descenso se debe á paralización da actividade polo estado de alarma, non por unha mellora da cultura preventiva ou dos sistemas de prevención de riscos nos centros de traballo.

Ademais, esa diminución non se deu nos accidentes mortais que, pola contra, aumentaron máis dun 10 % en Galicia e subiron tamén notablemente no resto do Estado. Este dato é moi preocupante; non pode ser que nunha situación de paralización da actividade se desboque a sinistralidade mortal.

É necesario intervir con contundencia na redución dos accidentes de traballo, analizar e promover medidas concretas para acabar coas traxedias que golpean a clase traballadora. Por poñer un exemplo, podémonos referir ao saneamento veterinario nas granxas: é un servizo esencial para a sociedade e a pasada semana rexistrou un accidente grave, pero neste ano tamén se produciu unha morte.

En CCOO consideramos que estes sucesos non son fortuítos. Cómpre tomar medidas. Como? Coa prevención de riscos para evitar que sucedan este tipo de accidentes ou, polo menos, rebaixar significativamente o nivel de risco. E para que as medidas sexan eficaces é inescusable a participación das Administración públicas.

Por desgraza, poderiamos seguir poñendo exemplos traumáticos de accidentes laborais que están a ocorrer no sector forestal, no transporte, na construción… Urxe falar desta problemática para que a sociedade sexa consciente dela, pero tamén para analizarmos as causas e introducir medidas correctoras a tempo. Desde CCOO seguiremos insistindo nesta reivindicación, na necesidade de máis prevención de riscos, porque non podemos seguir sumando mortes no traballo.

Sinistralidade laboral en tempos de pandemia

venres 20 de novembro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas