Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

mércores 9 de outubro de 2019

O Parlamento de Galicia aproba unha declaración institucional en defensa do sistema público de pensións promovida por CCOO e UGT

  • A proposta obtivo a adhesión unánime dos cinco grupos parlamentarios, cos que previamente tiveran unha rolda de contactos ambos os dous sindicatos
  • O texto destaca a importancia das pensións públicas como «principal instrumento do benestar e a protección social» e lembra que a cuarta parte da poboación galega é xa pensionista
  • A galega é a primeira Cámara autonómica en aprobar unha declaración deste tipo

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha declaración institucional, promovida por CCOO e UGT, en defensa do sistema público de pensións. A proposta dirixiuse o martes á Cámara autonómica após os contactos mantidos o pasado 2 de outubro entre os sindicatos e os cinco grupos parlamentarios (PP, PSdeG-PSOE, BNG, Grupo Común da Esquerda e Grupo Mixto).

O Parlamento de Galicia convértese no primeiro do Estado en aprobar unha declaración neste senso

O Parlamento de Galicia convértese no primeiro do Estado en aprobar unha declaración neste senso

Cómpre lembrar que as declaracións institucionais requiren da unanimidade de todos os grupos para saíren adiante. Con este apoio dos cinco grupos, o Parlamento de Galicia é a primeira Cámara autonómica en aprobar unha declaración institucional neste senso.

CCOO e UGT de Galicia recoñecen o apoio do conxunto dos grupos parlamentarios a unha declaración que cualifica o sistema público de pensións como o «principal instrumento do benestar e a protección social».

En primeiro lugar, porque dá cobertura, fundamentalmente, ás persoas maiores, aínda que tamén protexe outras continxencias como a incapacidade, a viuvez e a orfandade. En todos os casos, protexe persoas que «dificilmente teñen alternativas de ingresos» diferentes á pensión; son, polo tanto, persoas «vulnerables» que teñen no sistema público de pensións «a garantía de ingresos para levar unha vida digna».

En segundo lugar, porque «ningún outro sistema de protección dá cobertura a un número tan elevado de persoas, para o que dispón dun orzamento moi superior ao resto de instrumentos de protección social», sinala o borrador de declaración.

En Galicia hai 339.459 mulleres e 338.767 homes pensionistas nas diferentes modalidades e réximes. Sumadas, son 678.226 persoas, unha cifra que, comparada coa poboación total de Galicia, evidencia a súa «extraordinaria relevancia»: o 25 % dos 2,7 millóns de persoas que viven no noso país son pensionistas.

O texto abunda en que a importancia desta ferramenta será maior no futuro, ligado co alongamento da esperanza de vida. Por esta razón, asúmese que a defensa do sistema público de pensións ten que ser unha «prioridade absoluta para a sociedade galega, coas súas institucións á fronte».

Na declaración aprobada considérase que o necesario equilibrio financeiro do sistema «non pode buscarse reducindo a contía dunhas pensións que, en moitos casos, xa son baixas, especialmente no noso país». En setembro de 2019, a pensión media está en 848 euros ao mes, «unha cifra baixa pero que, aínda así, agocha realidades moi preocupantes», como que a contía da pensión de viuvez sexa de 601 euros ou que a pensión media do réxime de autónomos sexa de 597 euros mensuais —continúa a declaración. «Son cantidades que non se poden reducir máis, polo que o mecanismo de revalorización anual debe garantir que as pensións non perdan poder adquisitivo, tomando o IPC como referencia troncal», enfatiza o texto aprobado pola Cámara.

O Parlamento comparte a idea de que para garantir a sostibilidade do sistema ante os desafíos demográficos é necesario mellorar o seu financiamento mediante as cotizacións sociais, pero tamén contando cos orzamentos xerais do Estado. «É fundamental aumentar os ingresos por cotizacións, que son a fonte principal de financiamento do sistema, e para iso cómpre máis e mellor emprego, máis persoas cotizando en empregos estables e con mellores salarios porque así aumentan as bases de cotización e os ingresos da Seguridade Social», conclúe a declaración.

O Parlamento de Galicia aproba unha declaración institucional en defensa do sistema público de pensións promovida por CCOO e UGT

mércores 9 de outubro de 2019

Ligazóns de interese relacionadas

Texto íntegro da declaración institucional aprobada polo Parlamento de Galicia

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Federacións Nacionais - Pensionistas e Xubilados - Actualidade
Áreas - Institucional - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros