Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Defende os teus dereitos. Afíliate a CCOO!

mércores 16 de outubro de 2019

CCOO alerta de que máis de medio millón de galegos e galegas viven por baixo do limiar da pobreza

  • A taxa de pobreza das persoas menores de 24 anos é superior á media xeral; ademais, unha persoa de cada cincuenta está en situación de pobreza grave

Coincidindo coa conmemoración, mañá xoves, do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, Comisións Obreiras (CCOO) fai público un estudo en que fican patentes as «alarmantes» cotas de pobreza no noso país, que afecta a máis de medio millón de persoas en Galicia. Ao tempo, o sindicato fai propostas e esixe a posta en marcha de medidas efectivas que consigan reverter os seus efectos na poboación que a sofre.

CCOO alerta de que máis de medio millón de galegos e galegas viven por baixo do limiar da pobreza

CCOO alerta de que máis de medio millón de galegos e galegas viven por baixo do limiar da pobreza

Os últimos datos públicos confirman que son «moitas, demasiadas, as persoas que viven unha situación dramática», sinala Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO. Máis de medio millón de persoas (542.892), que representan o 18,8 % da poboación, viven por baixo do limiar da pobreza, fixado en 8871 euros anuais para unha persoa soa.

Nos últimos anos, malia a suposta recuperación económica, a renda distribúese en Galicia dun xeito «desequilibrado e inxusto», o que ten como consecuencia un incremento das desigualdades sociais entre o 2013 e o 2017.

Segundo a sindicalista, reviste «especial gravidade» a situación da poboación máis nova: as persoas menores de 16 anos teñen unha taxa de pobreza do 21,65 % e as de menos de 24 anos do 23,48 %, porcentaxes «moi por riba da taxa de risco de pobreza xeral». Tamén hai un nesgo de xénero, pois as taxas de pobreza femininas son máis altas ca as masculinas.

Por tipoloxía de fogares, nos monomarentais e monoparentais, o risco de pobreza e exclusión social elévase ao 46,99 %, o triplo da taxa xeral. Ademais, o 1,6 % dos fogares galegos están en situación de pobreza grave, isto é, unha persoa de cada cincuenta. Con todo, a situación «máis dramática» é a das 30.943 persoas en situación de exclusión social, sinala Bouza.

Propostas de CCOO

Neste «grave contexto», CCOO defende que as redes de protección social desempeñen un papel «determinante», a comezar polo sistema público de pensións e de protección por desemprego, e continuando polas rendas de inserción, que deberían cubrir as necesidades básicas das persoas.

«As dúas primeiras van ligadas en maior medida á vida laboral», apunta a secretaria de Emprego de CCOO, pero, como se recolle neste estudo, «a situación de pobreza conflúe coa de baixa intensidade no traballo». Por esta razón, a prestación acaída para os galegos e galegas en situación de necesidade é a RISGA.

Porén, Bouza denuncia que a evolución no número de persoas beneficiarias da RISGA «non garda correlación coa da taxa de risco de pobreza nin das desigualdades sociais», polo que unha ferramenta «teoricamente válida» para a inserción social «convértese, en mans da Xunta de Galicia, nun ineficaz mecanismo de protección social». CCOO pide máis flexibilidade nos requisitos, menos burocracia e, en consecuencia, máis orzamento. «Son pasos imprescindibles se queremos reducir a pobreza e a exclusión social en Galicia», afirma a sindicalista.

Alén do anterior, a secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO coida que tamén cómpren profundos cambios noutros ámbitos: derrogar a reforma laboral para promover o emprego de calidade; reforzar as políticas activas de emprego; ampliar a protección por desemprego; mellorar os salarios; garantir unha vivenda digna; establecer unha renda mínima garantida no ámbito estatal; elevar o IPREM; desenvolver un sistema fiscal progresivo e xusto e consolidar o Sistema Público de Pensións.

CCOO alerta de que máis de medio millón de galegos e galegas viven por baixo do limiar da pobreza

mércores 16 de outubro de 2019

Ligazóns de interese relacionadas

Caderno do Sindicato Nacional n.º 34: «A pobreza en Galicia» [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Gabinete de Saúde Laboral (2019)
  • Gabinetes de saúde laboral
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Portal de transparencia
  • Atlantis Seguros
  • Atlantis Seguros