Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Información sindical sobre a crise sanitaria do coronavirus

mércores 8 de xaneiro de 2020

CCOO pídelle ao novo Goberno melloras no sistema de pensións e na atención á dependencia

  • O sindicato reivindica o Pacto de Toledo como marco de diálogo para garantir as pensións públicas «de hoxe e do futuro», que cobran especial interese en Galicia, con case 800.000 pensionistas

Comisións Obreiras (CCOO) presentou hoxe as principais conclusións do 'Observatorio social de las personas mayores 2019', elaborado pola Federación estatal de Pensionistas e Xubilados do sindicato. Tamén propuxo melloras tanto para o sistema público de pensións, como para toda a rede de atención ás persoas maiores, con especial énfase no Sistema de Atención á Dependencia (SAAD) e nas prazas en residencias da terceira idade.

De esq. a der., A. Martínez, C. Mella, R. Sarmiento, J. Gutiérrez e M. Bouza

De esq. a der., A. Martínez, C. Mella, R. Sarmiento, J. Gutiérrez e M. Bouza

Na comparecencia perante os medios de comunicación tomaron a palabra o secretario xeral estatal da Federación de Pensionistas e Xubilados (FPJ-CCOO), Julián Gutiérrez, o secretario xeral da FPX-CCOO de Galicia, Carlos Mella, o secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, a secretaria de Política Social, Maica Bouza, e a secretaria de Política Social da federación estatal de Pensionistas, Ana Martínez.

Desde CCOO pedíronlle ao novo Goberno melloras no sistema de pensións e na atención á dependencia. O secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, e o secretario xeral da FPX-CCOO, Carlos Mella, salientaron que ambas as cuestións teñen especial interese para Galicia, unha das comunidades autónomas máis avellentadas e con case 800 000 persoas pensionistas.

Pola súa parte, o responsable estatal da FPJ-CCOO, Julián Gutiérrez, reivindicou o Pacto de Toledo como marco de diálogo para a sustentabilidade do sistema público de pensións e puxo riba da mesa as propostas do sindicato na materia. Entre elas, eliminar os topes de cotización á Seguridade Social máis aló dos 90.000 euros actuais, o que permitiría ingresar 7500 millóns de euros cada ano; ou financiar mediante impostos o custo da xestión da Seguridade Social, que representa uns 4000 millóns anuais.

A secretaria de Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, tamén lle puxo tarefas ao novo Goberno, ao que o sindicato lle pide a reversión dos recortes da época de Mariano Rajoy para que o Estado asuma a parte que lle corresponde do financiamento do SAAD, que se ha incrementar do 25 % actual ao 50 %. Isto permitiría acabar coas listaxes de espera —o 12 % das persoas con dereito recoñecido a unha prestación ou servizo non o está gozando—, mellorar a calidade dos servizos prestados e tamén as condicións laborais das persoas que traballan na atención á dependencia —fundamentalmente mulleres.

Principais datos do Observatorio

Segundo datos do Observatorio, Galicia ten 764 931 persoas pensionistas, que perciben unha prestación media de 840,51 euros mensuais. Isto significa que se sitúan entre as de menor contía de todo o Estado, onde a media ascende a 990,87 euros.

Polo tipo de pensión, destacan as de xubilación, que supoñen máis da metade do total (62,5 %). Neste caso, a contía media en Galicia é de 954,43 euros mensuais, novamente a moita distancia do valor medio no Estado, que se eleva a 1137,99 euros. A galega é a segunda comunidade autónoma coa contía máis baixa, pois só Estremadura (942,15) ten peor dato. No polo oposto sitúanse o País Vasco (1401,61), Asturias (1374,49), Madrid (1334,39) e Navarra (1287,69).

Tres provincias galegas entre as dez máis avellentadas

O proceso de avellentamento da poboación non é homoxéneo no Estado español. O peso da poboación de más de 65 anos sobre o total é especialmente relevante en Galicia, Asturias e Castela e León, onde se sitúa ao redor do 25 %. No extremo contrario están Murcia e os arquipélagos das Baleares e das Canarias (15 %). Segundo datos recollidos no Observatorio, das dez provincias con maior porcentaxe de persoas de 65 anos ou máis, tres son galegas: Ourense co 31,39 %, Lugo co 29,14 % e A Coruña co 24,6 %.

Cinco veces máis prazas privadas ca públicas

O Observatorio presenta unha panorámica das condicións de vida das persoas maiores, o seu estado de saúde, os seus recursos tanto económicos como de protección social e os riscos específicos a que se enfrontan, sobre todo no sistema de pensións e o sistema de atención á dependencia.

Neste contexto, CCOO chama a atención sobre o déficit existente en Galicia canto a prazas residenciais para a terceira idade, máis aínda tendo en conta o avellentamento da poboación galega. A comunidade autónoma ten unha das peores ratios neste sentido, pois só ofrece prazas para o 3 % da poboación maior de 65 anos. Só o País Valenciano (2,9 %), a Rexión de Murcia (2,3 %), as Illas Canarias (2,2 %) e a cidade autónoma de Ceuta (1 %) teñen peor cobertura.

Por natureza da súa titularidade, a maior parte das prazas residenciais son privadas, cunha «enorme diferenza» respecto do sector público, sinalou Mella. Concretamente, en Galicia hai 4324 prazas públicas fronte a 20 285 privadas. En todo caso, «insuficientes» para atender a demanda dunha comunidade autónoma onde o 25,19 % da poboación ten 65 anos ou máis —aproximadamente 680.000 persoas.

CCOO pídelle ao novo Goberno melloras no sistema de pensións e na atención á dependencia

mércores 8 de xaneiro de 2020

Ligazóns de interese relacionadas

Observatorio de las personas mayores 2019 [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Federacións Nacionais - Pensionistas e Xubilados - Actualidade