Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Actuar é esencial - Afíliate a CCOO!

venres 18 de setembro de 2020

CCOO pide centralizar en Sanidade a coordinación sociosanitaria da atención ás persoas dependentes

  • O obxectivo é garantir unha prestación universal dos servizos para que todo o mundo poida acceder ao mesmo nivel de atención

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia pide integrar na Consellaría de Sanidade a coordinación sociosanitaria da atención ás persoas dependentes. Segundo a organización sindical, a crise da COVID-19 puxo de manifesto «as limitacións e falta de medios» en moitas áreas, pero especialmente na sanitaria e no ámbito da dependencia. «Quen sufriu as peores consecuencias da crise foron as persoas máis vulnerables», insiste o sindicato, que avoga por «abordar de maneira efectiva» o modelo de coordinación sociosanitaria previsto na Lei de dependencia, «e que chega xa con máis dunha década de atraso».

O obxectivo é garantir unha prestación universal dos servizos

O obxectivo é garantir unha prestación universal dos servizos

Neste punto, a secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, congratúlase pola recente creación dunha Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria, pero cuestiona o seu encaixe orgánico dentro da Consellaría de Política Social. «Entendemos que debido ás funcións e natureza, o novo departamento debería formar parte da Consellaría de Sanidade», sinala a sindicalista.

Centralizar en Sanidade a coordinación da atención as persoas dependentes vai na mesma liña de «aposta pola universalidade da atención sanitaria». A coordinación dentro deste departamento permitiría que todo o mundo poida acceder ao mesmo nivel de atención, «sexa cal for a idade, condición, prestación ou servizo que reciba», explica Bouza.

A secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO lembra que a Lei 39/2006 para a autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia recollía a necesidade de establecer os procedementos de coordinación sociosanitaria, «creando, no seu caso, os órganos de coordinación que procedan para garantir unha atención efectiva». Porén, máis dunha década despois, «o modelo de coordinación sociosanitaria segue sen concretarse en Galicia», lamenta Bouza.

Por esta razón, CCOO aproveita a creación da nova Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria para presentar as propostas do sindicato no ámbito da coordinación sociosanitaria, especialmente no contexto da COVID-19.

Para Comisións, o obxectivo «prioritario e urxente» é a creación de unidades de coordinación para atallar os rebrotes de COVID-19 no marco do sistema de atención á dependencia (SAAD). Canto á composición das unidades de coordinación, o sindicato coida que o deberían integrar responsables tanto do Sergas como de Política Social, pero con coordinación a cargo do primeiro departamento.

CCOO tamén pide procedementos concretos para facilitar a comunicación entre as empresas que prestan servizos do SAAD e a propia Administración, tanto no referente á supervisión e aplicación de protocolos, como no que atangue ao xeito de informar sobre posibles positivos de COVID-19, entre outros aspectos. O obxectivo a medio prazo sería un modelo de coordinación permamente entre o conxunto do SAAD e o Sergas.

Outras propostas que CCOO lle formula á Xunta de Galicia teñen que ver co perfil de necesidades das persoas beneficiarias de prestacións do SAAD e a elaboración dun mapa de recursos sociosanitarios con que conta Galicia.

CCOO pide centralizar en Sanidade a coordinación sociosanitaria da atención ás persoas dependentes

venres 18 de setembro de 2020

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Federacións Nacionais - Pensionistas e Xubilados - Actualidade