Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO

En marcha por #PensiónsDignas

Campaña de CCOO e UGT en defensa do sistema público de pensións.

HAI QUE GARANTIR AS PENSIÓNS E O SEU PODER ADQUISITIVO!!

AS PENSIÓNS NON SON UN PROBLEMA, SON UNHA NECESIDADE!!


A decisión política tomada no 2013 polo Goberno do PP rompeu o marco de acordos adoptado desde 1995 tras o Pacto de Toledo. Unha decisión política que ignora a cohesión social e o benestar das persoas, poñendo en serio risco a existencia de pensións cun nivel suficiente.

Non se lles pode dicir agora aos traballadores e traballadoras que estiveron cotizando e xerando superávit nas contas da Seguridade Social que non hai cartos para todos. Non se lle pode dicir a unha xeración de traballadores e traballadoras que fagan a súa achega, pero que non recibirán pensións comparables ás que contribúen a financiar; mentres, xa van vendo que a pensión que levan tantos anos construíndo perde esa relación ao non se revalorizar axeitadamente.

O mercado de traballo pode e debe engadir máis recursos procedentes de cotizacións: mellorando o emprego, os salarios, a achega dos salarios máis altos e a cotización por ingresos reais daqueles colectivos que aínda non o fan (mellorando ao tempo as súas prestacións); os orzamentos xerais do Estado deben incrementar tamén as súas achegas xa nos próximos anos e durante o tempo que for necesario.

É unha decisión política que repercute no mercado de traballo e na política fiscal, igual que repercutiu financiar no pasado outras necesidades básicas con cotizacións ou destinar o superávit que tiña a Seguridade Social a subvencionar empresas mediante rebaixas indiscriminadas en cotizacións e tarifas planas, sen impacto positivo no emprego.

Os nosos maiores deben ter asegurada a pensión e cumprirse así o pacto interxeracional que sustenta un sistema de pensións como o noso, que constitúe un verdadeiro contrato social ao que estiveron contribuíndo co seu traballo e coas súas cotizacións.

É necesario e urxente crear emprego de mellor calidade, que xere maiores cotizacións. Pero ademais, múltiples medidas propostas por UGT e CCOO, aceptadas xa por unha boa parte dos grupos políticos, permiten mellorar substancialmente os ingresos procedentes das cotizacións empresariais e das persoas que están traballando.

Esta situación agravouse coas reformas laborais aprobadas nos últimos anos, que desequilibran a capacidade de negociación colectiva en beneficio das empresas e condenan cada vez a máis traballadores e traballadoras a condicións de pobreza.

A nosa xuventude non é responsable de que a exploten ou a ignoren.

Tampouco é unha opción trasladarlles aos traballadores e traballadoras individualmente a responsabilidade de dedicar parte dos seus ingresos a sistemas privados de pensións que, nin teñen alcance xeral, nin poden substituír o sistema público de pensións, só se ampliaría a desigualdade.

Por todo isto, fronte a unhas pensións que non manteñen o seu poder de compra e que caerán con forza se non se corrixe a reforma de 2013; fronte ao aumento das desigualdades e fronte ao empobrecemento durante a enfermidade ou a vellez:
CCOO E UGT INICIAMOS UNHA MOBILIZACIÓN EN DEFENSA DAS PENSIÓNS:

POLA COHESIÓN SOCIAL E A PARTICIPACIÓN ACTIVA DOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS NA DEFINICIÓN, REFORZO E GARANTÍA DO SISTEMA DE PENSIÓNS


A política e as campañas contra as pensións terán en fronte as organizacións sindicais e deben ter a sociedade toda apoiando a nosa loita:

APOIA AS MOBILIZACIÓNS SINDICAIS EN DEFENSA DAS PENSIÓNS PÚBLICAS!!
FAGAMOS XUNTOS E XUNTAS O CAMIÑO!!

En marcha por #PensiónsDignas

Novas relacionadas

Galicia ponse en marcha por pensións dignas
CCOO e UGT emprenden o 2 de outubro unha marcha en defensa de «pensións dignas»

Documentos relacionados

Cartel da marcha, con indicación dos percorridos [PDF]
Folla informativa [PDF]
Manifesto conxunto de CCOO e UGT [PDF]